Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela pon en marcha por primeira vez un servizo de coidado de menores: "Quédome con Simona"

Concello de Redondela
04-11-2022
0
Redondela pon en marcha por primeira vez un servizo de coidado de menores: "Quédome con Simona"

O servizo prestarase dende o 2 de novembro de 2022 ata o 5 de xaneiro de 2023 de luns a venres, para favorecer o apoio á conciliación a vida familiar, laboral e persoal.

A Concellería de Igualdade do Concello de Redondela inaugura hoxe o Programa Quédome con Simona, coa finalidade de proporcionar un recurso socio comunitario de apoio ás familias redondelás que favorece a conciliación de responsabilidades familiares e laborais.

“O programa está enfocado de forma transversal e completa a oferta social e educativa do Concello de Redondela que sempre ten a intención de ensinar dende a igualdade”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

Un/unha profesional especializado en ocio e tempo libre ecargarase de atender as nenas e nenos, co engadido de entretelos a través de xogos e actividades lúdicas e educativas, a cargo de Imaxina Educación, servizo financiado con axuda da Xunta de Galicia. Prohibirase a entrada á aula de aparellos electrónicos (tales como tabletas, móbiles ou videoconsolas) ou xoguetes propios da/do menor.

A intención é favorecer a vida laboral, familiar e persoal , "somos conscientes do problema que teñen algunhas persoas para atender os fillos e fillas cando teñen problemas económicos, están en situación de demanda de emprego ou forman parte dunha unidade monoparental e teñen complicacións apra acudir a citas médicas ", engade Rivas.

O servizo prestarase dende o 2 de novembro de 2022 ata o 5 de xaneiro de 2023, de luns a venres, os días hábiles entendéndose como tales os acollidos na normativa correspondente pola que se establece o calendario laboral oficial para o ano en curso e sucesivos no ámbito do concello de Redondela.

O programa desenvolverase en horario de 16:00 a 20:00 horas no Multiúsos da Xunqueira de Redondela. O servizo poderá solicitarse polo tempo que sexa necesario, respectando o intervalo horario de prestación do mesmo, ata cubrir un máximo de 15 prazas. “Este servizo consiste nunha axuda dinámica e puntual, polo que non se pode empregar para un uso continuado salvo causa xustificada e aceptada polo Concello de Redondela”.