Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello de Redondela amosa o seu total rexeitamento á decisión do Porto de recuperar o depósito de contedores en Rande

Concello de Redondela
13-05-2022
0
O Concello de Redondela amosa o seu total rexeitamento á decisión do Porto de recuperar o depósito de contedores en Rande

A alcaldesa de Redondela acusa a Autoridade Portuaria de actuar con total escurantismo o enterarse por unha nota de prensa publicada o pasado 7 de maio, ao retomar a almacenaxe de contedores no antigo cargadeiro de granito de Rande sendo coñecedores da oposición do Concello a esta actividade “polo impacto patrimonial e medioambiental que provoca na ría”. O vindeiro venres reunirase co presidente do ente, Jesús Vázquez Almuiña para abordar esta cuestión o non ter ningunha información por parte do organismo.

A actividade no antigo cargadoiro de granito de Rande retomábase días atrás, cando a empresa Terminales Atlánticas de Vigo trasladaba a este espazo equipos e grúas para o movemento de contedores.

Dende o goberno local amosan o seu total rexeitamento o a este novo movemento da Autoridade Portuaria de cara a recuperar este espazo como depósito de contedores baleiros, “opoñémonos rotundamente e non o imos consentir” afirma Digna Rivas. Acusa tamén á entidade de “escurantismo” ao non informar en ningún momento ao concello e adianta que “se adoptarán todas as medidas oportunas para paralizar esta actividade no antigo peirao de granito”.

De feito, xa no 2018 esta explanada usouse con este fin e a presión exercida naquel momento polos colectivos veciñais acabou cesando a actividade.

Unha oposición á que se sumou tamén o Concello e da que é coñecedora a Autoridade Portuaria porque “así está recollido no proxecto de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP) no que se recolle ese rexeitamento polo impacto que esta actividades ten sobre a ría nun espazo enmarcado en Rede Natura”.

A Alcaldesa Digna Rivas amósase especialmente molesta porque hai tan só dúas semanas participou nunha reunión no Consello da Autoridade Portuaria de Vigo “sen que se nos comunicara a intención de retomar esta actividade na explanada de Rande” e por terse reunido con anterioridade co propio presidente da Autoridade nada máis asumir o cargo para trasladarlle a súa negativa a este tipo de actividade nun espazo de especial protección.