Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela inicia a recollida da microtoponimia

Concello de Redondela
19-07-2021
0
Redondela inicia a recollida da microtoponimia

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela mantivo varias xuntanzas nas últimas semanas para darlle forma e inicio ao proxecto de recollida da microtoponimia do municipio. No proxecto participa Gonzalo Navaza, recoñecido especialista na materia e membro da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia, como responsable científico e como orientador do estudo de cada un dos centos de microtopónimos que atesouran as parroquias redondelás.


Este proxecto conta con dúas liñas. Por un lado, grazas a unha subvención da Deputación de Pontevedra, contarase cunha persoa especializada que se encargará do estudo das parroquias de Negros, Saxamonde e Cabeiro dando así continuidade ao traballo que hai anos iniciara a Cooperativa Tres Pés. Estas serán as primeiras parroquias nas cales se desenvolverán actividades arredor da toponimia, como son conferencias nas escolas e para o público xeral, dípticos informativos, publicación dos traballos en libro ou o volcado da información nunha web específica da toponimia de Redondela. A outra liña de traballo é o voluntariado, persoas que desexan colaborar co proxecto e que son asesorados dende o SNL. Actualmente xa se está traballando nas parroquias do Viso, Cesantes e Cedeira. Dende o SNL infórmase que as persoas que queiran colaborar como voluntarios ou voluntarias poden enviar un correo pedindo información ao enderezo-e normalizacion@redondela.gal.


Finalmente, dende o SNL explícase que se abrirá unha liña de colaboración coa Real Academia Galega para compartir os resultados desta investigación na web Galicia Nomeada, que recolle toda a microtoponimia de Galicia. Desta, así mesmo, a importancia destes traballos sobre toponimia ante o perigo inminente da desaparición de microtopónimos por mor da morte das persoas máis vellas. Esta perda supón un grave dano ao patrimonio inmaterial de Galicia.