Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Emotivo recoñecemento ás protagonistas de Ostras. O Peche do mar

Concello de Redondela
13-06-2022
0
Emotivo recoñecemento ás protagonistas de Ostras. O Peche do mar

O Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy presentou o pasado sábado na illa de San Simón o documental Ostras. O Peche do mar nun acto que contou coa participación de preto de 300 persoas que encheron o auditorio e, entra elas, algunhas das protagonistas deste capítulo da historia de Redondela acontecido na praia de Cesantes entre finais de 1955 e inicio de 1956.

Naquel período, en plena ditadura, intentouse a creación dun parque ostrícola, que atopou a oposición da veciñanza e estivo liderada polas mariscadoras, principais afectadas da parcelación do areal, xa que era unha fonte de ingresos fundamental nun tempos duros.

Ante as 300 persoas que acudiron a presentación, entre elas a alcaldesa de Redondela Digna Rivas entre outras autoridades, atopábanse protagonistas directos daqueles feitos e familiares de mariscadoras que, desgraciadamente, xa finaron. Un dos momentos máis emotivos foi a entrega dunha agasallo conmemorativo a todos eles. Tamén recibiron o detalle os membros do CSIC, que colaboraron na elaboración do documental con testemuñas e a achega de documentación chave, e o director Fernando Carreira 'Cuchi'.

O programa comezou co traslado ata San Simón. A chegada actuou o grupo de gaitas Airiños de San Simón do CCD de Cesantes, que recibiu ós presentes. Durante o acto de presentación puxo a música o cuarteto de corda Camerata da Ría. Interviñeron Manuel López (documentalista do documental) e a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas. Pasouse a peza audiovisual e despediuse a todos os participantes.

Digna Rivas salientou a importancia de “non perder a memoria” e iniciativas como a desenvolvida polo Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy “contribúen a mantela viva, lembrar quen fomos e ter presente que, determinados episodios da nosa historia, non se poden volver a repetir. Para non facelo, non esquecelos é o primeiro paso”.

A alcaldesa de Redondela lembrou que as mulleres foron as grandes protagonistas de Ostras. O Peche do mar “ao igual que o foron as Mulleres da Illa na súa labor de axuda cos presos políticos confinados en San Simón”. “Temos en Redondela a honra de ser terra de mulleres que estiveron sempre en primeira liña de loita e foron quen, co seu exemplo, de abrir o camiño da igualdade”

Nos vindeiros meses, o Obradoiro de Estudos Locais realizará máis presentacións de Ostras. O Peche do mar en Redondela xa que moitos interesados non puideron acudir a San Simón porque se esgotaron as 300 prazas dispoñibles. O documental xa está a venda nos puntos habituais ó longo do municipio para todas as persoas que desexen adquirir unha copia. Este é o terceiro documental do Obradoiro Fernando Monroy.