Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela inicia a tramitación que permita recuperar a antiga 'casa dos mestres' para transformala nun espazo de uso cultural

Concello de Redondela
02-03-2021
0
Redondela inicia a tramitación que permita recuperar a antiga

A documentación solicitando a cesión do inmoble e a memoria explicativa do uso que se lle vai dar, será remitida nas vindeiras datas á Dirección Xeral do Patrimonio do Estado.

O Concello de Redondela vén de iniciar o proceso que, unha vez rematado, permitirá a rehabilitación e posterior transformación das antigas 'vivendas dos mestres' nun museo etnográfico e espazo cultural e, ao mesmo tempo, darase uso a un edificio que durante décadas permaneceu no máis absoluto abandono e que poderá pasar a formar parte do inventario municipal.

Para a cesión da edificación ao Concello, o primeiro trámite solicitado por Patrimonio do Estado era unha aprobación plenaria en tal sentido ao ser o período solicitado de 25 anos e ser, polo tanto, unha competencia plenaria e non da Alcaldía.

Dito acordo plenario será remitido a Patrimonio acompañado dunha memoria explicativa dos fins aos que se vai dedicar o inmoble, amais doutra documentación técnica. Unha vez que Patrimonio do Estado dea o visto e prace á cesión, o seguinte será o cambio do uso do solar para pasalo da súa actual catalogación de dotacional docente a dotacional sociocultural, o que terá que ser novamente acordado polo Pleno da Corporación Municipal ao levar aparellado un cambio nas Normas Subsidiarias.

Compre salientar que ese é o único uso posible que se pode dar o inmoble ao quedar descartado o seu uso para vivenda social. De feito, explica o Goberno local, “por unha banda o edificio é de titularidade de Patrimonio do Estado e este non permite a súa cesión a terceiros por parte do Concello”. Doutra banda, engade o Concello de Redondela “ao estar enclavado o inmoble en dominio marítimo terrestre, non permite o seu uso residencial”.

Unha vez culminado o proceso, Redondela poderá comezar a recuperación da 'vivenda dos mestres' para dar resposta a unha “reivindicación histórica dos colectivos culturais para a creación dun museo etnográfico que recolla a cultura popular de Redondela e evitar que se perda no tempo e, ao mesmo tempo, contar cun espazo que dea cabida ao importante número de artistas do municipio que precisan dun espazo no que expoñer as súas obras”, sinala a alcaldesa Digna Rivas.

A alcaldesa de Redondela lembra tamén que existen artistas redondeláns, cun gran legado, “que teñen a intención de doar parte da súa creación ao Concello, polo que é preciso contar cun espazo apropiado tanto para a súa exposición coma conservación”.

A primeira actuación a realizar será a rehabilitación integral do edificio para crear un espazo polivalente na planta baixa, na que quedaría instalado un espazo de museo, con salas de exposición –tanto permanentes coma temporais–, sala de interpretación e espazo para un taller que permita a realización de actividades creativas.

Coa remodelación deste espazo céntrico e, ata o de agora, absolutamente esquecido “non só se atende as demandas realizadas dende hai anos polos colectivos culturais do municipio, senón que se pon en valor un inmoble que, de feito, xa é de por si de interese etnográfico porque forma da historia de Redondela”, subliña a rexedora redondelá.