Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela anuncia a saída dos libros adicados a Cedeira e Saxamonde

Concello de Redondela
13-02-2023
0
 Redondela anuncia a saída dos libros adicados a Cedeira e Saxamonde

Redondela anuncia a saída dos libros dedicados a Cedeira e Saxamonde. Coa edición destes dous novos títulos o Goberno local busca dar continuidade á serie de libros 'Parroquias de Redondela' que suman xa 8 volumes: Cabeiro, Cedeira, Cesantes, Negros, Reboreda, Saxamonde, Trasmañó e Ventosela. O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, dirixido pola alcaldesa Digna Rivas, anuncia a saída de dous novos volumes da colección dedicada aos libros de parroquias. Desta volta trátanse de Cedeira, feito por Juan Migueles, e de Saxamonde, asinado por Paulo Jablonsky. Estes libros, que coma nos anteriores casos conta cunha portada expresamente feita polo pintor local Ángel Barros, sitúa xa na cifra de oito as parroquias que contan co seu volume: Cabeiro, Cedeira, Cesantes, Negros, Reboreda, Saxamonde, Trasmañó e Ventosela. Todos os libros foron escritos por veciños ou veciñas destas parroquias porque, segundo indica Rivas, "é importante sacar á luz o traballo de persoas implicadas co patrimonio local, ás veces esquecidas ou non valoradas como merecen. Dende o Concello queremos darlle o protagonismo do que son merecentes". Así mesmo a alcaldesa Digna Rivas subliñou "a enorme importancia de poñer en valor o noso patrimonio local, parroquia por parroquia, para comprender que Redondela é a suma de cada unha delas. Todas xuntas conforman un tesouro vivo que precisa ser difundido e apreciado. Nesa liña queremos continuar".

Por outra, o SNL adiantou que pronto sairá outro libriño centrado na parroquia de Vilar de Infesta, á cal lle seguirán outras máis. Desta maneira o SNL trata con distintas iniciativas de abranguer o conxunto de parroquias, sexa a través deste proxecto ou ben cos proxectos de microtoponimia ou o máis recente dos "Tesouros de Redondela", uns audiovisuais que recollen a memoria das xente maior da parroquia e que xa comezaron co Viso. Este documental, de reprodución en aberto en Youtube, xa alcanzou a cifra de preto de 1500 reproducións.Os libros contan con portadas realizadas por Ángel Barros “un luxo de portadas” afirmou a alcaldesa quen destacou “a sorte de poder contar cun artista da calidade de Ángel para desenvolver este proxecto que pon de relevo a capacidade creativa, literaria por unha banda e artística por outra, dos nosos veciños”.