Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela esixe á Xunta de Galicia entrar no patronato cultural da Illa de San Simón

Concello de Redondela
23-12-2022
0
 Redondela esixe á Xunta de Galicia entrar no patronato cultural da Illa de San Simón

Redondela esixe á Xunta de Galicia entrar no patronato cultural da Illa de San Simón. O Concello de Redonedla solicita a inclusión formal na administración e xestión cultural da Illa De San simón, negada dende a Xunta de Galicia ao coroarse como titular do padroado  sen consultar nin incluír a Redondela.

Lembra a alcaldesa de Redondela que “as illas, San Simón e San Antonio, pertencen a parroquia redondelá de Cesantes. Forman parte do Patrimonio Cultural de Redondela e é o noso deber protexela. É vergoñento que a Xunta, liderada polo PP, desprecie aos veciños e veciñas do municipio afastandoos do seu dereito. A Xunta utiliza, unha vez más,  para o seu propio rédito político institucións como o Museo do Mar, en actuacións que son mera propaganda e que non garantizan o ben patrimonial”.

“Alberto Pazos, viceportavoz segundo do Grupo Popular no Parlamento galego, viu hoxe en calidade de voceiro do PP de Redondela para retar o actual goberno, nun intento absurdo de emendar os danos que fixo o seu partido a través da polémica sen fundamento xerada en torno as luces de nadal.  En lugar de dar explicacións sobre o patronato cultural da Illa de San Simón e traballar polo  patrimonio do municipio ao que pertence, dedicouse a sementar controversias respaldadas con mentiras”, explica Rivas.

A Fundación Museo do Mar de Galicia xestionará desde Vigo a parte cultural da illa de San Simón, sen ter en conta a Redondela. O obxectivo da Xunta de Galicia é impulsar actividades culturais neste espazo, algo que a alcaldesa considera “rídiculo” ao ver que na prensa “destacan eventos como o SinSal e olvidándose da memoria histórica que este goberno sí trata de protexer. Nós non consideramos as illas un parque de atraccións para explotar, senón un ben común que corresponde aos veciños eveciñas de Redondela e que debemos preservar para non esquecer a nosa historia”.

A Xunta ten en marcha o proceso para licitar os traballos de conservación nas illas de San Simón e San Antón, situadas na enseada de San Simón, cun orzamento de medio millón de euros –benefíciase de fondos europeos– e un prazo de execución de seis meses. “Información que recollemos dende os medios de comunicación, pois non tiveron en conta Redondela para a xestión destes fondos”, engade Rivas.

Sen embargo, a alcaldesa considera “moito máis grave aínda que expresen as súas intencións de actuar nos edificios e xardíns históricos a través da prensa, outra vez, sen mostrar ningunha intenció de debater o propósito ou a conservación patrimonial destes bens. San Simón e San Antonio teñen unha forte carga simbólica e colectiva vinculada a traxedias que incumben directamente a cidadanía redondelá, polo que esiximos entrar no patronato cultural da Illa de San Simón para defender os intereses do que é noso”.

O goberno de Digna Rivas, “pode demostrar a implicación real no patrimonio cultural da illa, promocionando eventos como o homenaxe ás mulleres da Illa de San Simón que durante a Guerra Civil e a posguerra construíron unha rede solidaria de axuda aos represaliados prisioneiros. Un evento moi emotivo que tivo moita importancia para a veciñanza e que vincula de forma directa as mulleres de Redondela coa illa ”, conclúe Rivas.