Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela apoia a expansión da auga e a luz no municipio mozambicano de Nhamatanda

Concello de Redondela
14-02-2022
0
Redondela apoia a expansión da auga e a luz no municipio mozambicano de Nhamatanda

Como membro do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, participa nun proxecto de cooperación internacional para contribuir á reconstrución e espallamento dos servizos públicos afectados polo ciclón Idai. O proxecto traballa en liña coa Axenda 2030

O municipio mozambicano de Nhamatanda logrou estender a cobertura dos servizos de auga e iluminación pública a través da colaboración co Fondo Galego de Cooperación e Solidaredade, do que o concello redondelán forma parte. A asociación de concellos e deputacións galega destinou 42.600 euros a reparar e ampliar estas redes públicas, nunha zona que aínda está en proceso de reconstrución tras resultar gravemente afectada polo paso do ciclón Idai en 2019. A intervención contou asemade co respaldo da Asociación Nacional de Municipios de Mozambique (ANAMM), así como das axencias estatais de auga e enerxía.

O devastador furacán, que deixou máis de 600 persoas falecidas no país africano, acabou tamén con boa parte das xa febles infraestruturas municipais. A través deste proxecto de cooperación internacional, construíuse un sistema de subministro de auga consistente nun depósito de 1.000 litros, con bomba integrada a base de paneis solares e unha fonte con catro billas na que a poboación pode abastecerse. O servizo, que se xestionará de xeito comunitario, non só beneficiará ao barrio onde foi situado, senón tamén aos dous adxacentes. Mulleres e nenas, que adoitan percorrer longas distancias cargadas cos baldes para conseguir auga potable, tan necesaria no combate contra o coronavirus e outras enfermidades presentes na zona, serán as que dun xeito máis especial, lle van tirar rendemento a esta infraestrutura.

Nhamatanda conta cunha poboación de 63.000 habitantes distribuída en doce barrios. A actuación impulsada polo Fondo Galego permitiu restaurar e espallar a rede eléctrica a sete deles, de xeito que se agarda reactivar sectores como o económico ou o educativo, pois nas escolas poderá haber quendas nocturnas e favorecerase o desenvolvemento dos negocios locais. Ademais, os farois instalados nas rúas mellorarán a seguridade da cidadanía, nomeadamente das mulleres.

Con este proxecto, Redondela, xunto coas deputacións e concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade contribúen a erradicar a pobreza e as desigualdades no Sur Global e ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible que marca a Axenda 2030. En especial, do ODS 6, que avoga por “garantir a dispoñibilidade de auga e a súa xestión sustentable e o saneamento para todas as persoas” e do ODS 7, que aposta por “garantir o acceso a unha enerxía alcanzable, segura, sustentable e moderna para toda a poboación”.


O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 100 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego chega ao seu 25 aniversario tendo desenvolvido máis de 170 proxectos en 32 países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.