Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela denuncia os problemas de contaminación dos vertidos de Pazos

Concello de Redondela
08-11-2022
0
Redondela denuncia os problemas de contaminación dos vertidos de Pazos

O Concello de Redondela reclama á Xunta que se faga cargo dos problemas de contaminación da planta municipal de Pazos de Borbén que leva 14 anos vertendo augas fecais no río Alvedosa e que afecta directamente ao Medio Ambiente da contorna. O Concello de Redondela amosa a súa insatisfacción pola falta de resposta, por parte de Augas de Galicia ante a situación de abandono e ilegalidade das estacións de depuración de augas residuais do Concello de Pazos de Borbén.

A primeira comunicación a Augas de Galicia foi realizada o día 16.08.2022 e reiterada os días 25.09.2022 e 18.10.2022, “sen que a día de hoxe o Concello teña coñecemento”, expón Rivas. Ante a persistencia da contaminación denunciamos os feitos ante a Comandancia do SEPRONA de Pontevedra para que realice ás accións de investigación necesarias para esclarecer a orixe dos vertidos e así poder esixir a quen corresponda as responsabilidades e a adopción de medidas adecuadas á situación”. Paralelamente, o Concello continuou a realizar actividades de control incluíndo a toma e análise de mostras por medios propios cuxo resultado tamén se achegou a Seprona.

Unha vez máis, apunta Digna Rivas, “a Xunta ignora as recomendacións e peticións do Concello. Pedimos a Augas de Galicia que se faga cargo urxentemente da situación. O Concello de Redondela está cumplindo coa súa labor de analizar as augas e informar da situación, agora é responsabilidade do goberno galego atendender ás peticións”.

“Dende o Concello de Redondela queremos agradecer ao BNG e a AER o seu traballo de pescuda. Somos conscientes de que este é un problema recurrente e valoramos que se sumen ás protestas contra Augas de Galicia que está ignorando as nosas queixas e peticións”, explica a alcaldesa DIgna Rivas.

A problemática comezou xa en outubro de 2008, fai 14 anos, cando o alcalde de Pazos de Borbén decidiu abrir unha planta municipal de forma ilegal e sen contar coa obrigada autorización da Consellería de Medio Ambiente. “Esta decisión foi reportada no seu momento pola asociación ecoloxista Adega, pero non se tomou ningunha medida para solucionar o problema de vertidos fecais que estaba xerando no Río Alvedosa”, explica a alcaldesa de Redondela.

En 2022 o Concello de Pazos exponse a máis expedientes ante a situación da rede de saneamento, xa que continúa o mal funcionamento das distintas estacións depuradoras de bombeo. “Cos datos rexistrados ata o de agora, consideramos que a situación NON É PUNTUAL, como trata de asegurar o alcalde de Pazos. Dende o Concello de Redondela queremos denunciar estes periódicos episodios de contaminación. Ante unha situción tan grave, demandamos unha solución inmediata”, conclúe a alcaldesa.