Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela engalánase para celebrar a XXXV Festa do Choco

Concello de Redondela
27-04-2022
0
Redondela engalánase para celebrar a XXXV Festa do Choco

A empresa redondelá Eurored decorará os lugares máis emblemáticos do casco urbano e totalmente de balde, con redes, boias e demais elementos mariñeiros que amosan “o estreito vínculo de Redondela co mar”

O Concello de Redondela procede, nestes días, ao embelecido do casco urbano de cara á celebración da trixésimo quinta Festa do Choco que terá lugar entre o 29 de abril e o 8 de maio e que, unha vez levantadas moitas das restricións sanitarias marcadas pola Covid, recupera a súa celebración popular e de rúa.

“Queríamos que, neste ano que é especial porque marca a recuperación dunha certa normalidade, Redondela estiver adobiada como corresponde á celebración dunha das nosas festas máis emblemáticas”, afirma a alcaldesa Digna Rivas para quen o engalanado do pobo con redes e outros elementos mariñeiros “busca converter Redondela nun gran escenario que exprese o orgullo da nosa tradición mariñeira e o valor do mar e da Enseada de San Simón e do seu produto estrela, o choco, recoñecido internacionalmente.

Digna Rivas destacou o traballo que, “neste cometido, está a desenvolver a empresa local Eurored” e agradeceu “aos seus propietarios e ao seu director a colaboración e axuda que nos adicaron dende o primeiro momento no que nos acercamos a expoñerlle a idea”. Eurored fornecerá e colocará, de balde para o concello, redes e demais apeos mariñeiros nas prazas da vila para que, esta Festa do Choco 2022, que recupera o seu sabor de celebración popular e de rúa “celébrese nun casco urbano especialmente engalanado para a ocasión”.

A Festa do Choco manterá, no que atinxe ao seu aspecto gastronómico, o formato que resultou todo un éxito o pasado ano, cedendo o protagonismo aos locais de hostalaría do municipio que, durante o tempo que dure a festa, ofrecerán menús nos que o choco é protagonista indiscutible e nos que queda patente “o excelente nivel da nosa hostalaría que, partindo dunha materia prima de extraordinaria calidade, como é o choco da nosa Enseada de San Simón, son capaces de innovar e ofrecer pratos marabillosos”, apunta a alcaldesa de Redondela.

O programa de actividades de rúa arrincará xa o venres pola tarde cos clowns e aéreos da Cia. Sempre Arriba á partir das 18 horas na Praza da Casa da Torre. De seguido música collerá o relevo con dos concertos, un primeiro a cargo de 33 RPM, na Praza da Constitución ás 19 horas, e posteriormente o que protagonicen Broken Peach ás 20:30 horas na Carpa da Alameda de Castelao.

O sábado 30 de abril ás 12 horas e na Carpa da Alameda Castelao, chegará o primeiro dos Showcooking a cargo de Lucía Freitas, do restaurante A Tafona de Santiago, posuidor dunha Estrela Michelín.