Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela aproveita o escaparate de FITUR para dar a coñecer o seu potencial turístico

Concello de Redondela
18-01-2022
0
Redondela aproveita o escaparate de FITUR para dar a coñecer o seu potencial turístico

O Concello aproveitará a Feira Internacional de Turismo que mañá comeza en Madrid, para poñer en valor o seu abundante patrimonio histórico, cultural e natural.

O Concello de Redondela estará presente na Feira Internacional de Turismo, Fitur 2022, para dar a coñecer nesta cita –unha das de máis relevo de Europa e que mañá abre as súas portas no Ifema de Madrid– toda a súa potencialidade turística.

O Concello redondelán estará presente no stand de Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño onde amosará diverso material “que amosa claramente o enorme potencial que temos en materia turística”, afirmou a alcaldesa Digna Rivas.

A presenza de Redondela en Fitur servirá para poñer en valor, nun foro no que se dan cita turoperadores e profesionais do turismo de toda Europa, “o enorme patrimonio cultural, histórico, artístico e natural que ten Redondela”.

O Cemiterio de Eidos como punto de referencia histórico-patrimonial, os lugares de interese do Camiño de Santiago ao seu paso polo municipio, a reactivación do Museo Meirande que o ten levado a converterse nun punto de visita obrigada, a Ruta da Auga ou a recen inaugurada Senda Verde, serán algúns dos atractivos que Redondela presente neste escaparate internacional.

Digna Rivas fixo especial fincapé na necesidade de aproveitar o Camiño de Santiago como vía “permanente de entrada de visitantes”. Non se pode esquecer, subliñou a alcaldesa redondelá, “que somos o punto no que conflúen o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa, dous das rutas xacobeas con maior crecemento e expansión que supoñen unha oportunidade única para dar a coñecer todo o que Redondela pode ofrecer”.