Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela renova e moderniza o seu mobiliario urbano

Concello de Redondela
11-08-2021
0
Redondela renova e moderniza o seu mobiliario urbano

O mobiliario substituído que estea en boas condicións, será reubicado nas parroquias que así o solicitaron previa preparación do mesmo. O Goberno local de Redondela iniciou, nestes días, a renovación do seu mobiliario urbano optando por “deseños máis actuais e funcionais e con materiais de longa duración que minimicen o seu mantemento”, asegurou hoxe a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.

Os traballos de renovación, que se desenvolven ao abeiro do Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra, permitirán a substitución de papeleiras nas rúas General Rubín, Ribeira, Alfonso XII, Pai Crespo, José Regojo e Paseo da Xunqueira. Os bancos, pola súa banda, substituirán aos actuais que se atopan no paseo da Xunqueira.

Dada a climatoloxía propia de Redondela, para as papeleiras optouse por unha estrutura e cubeta de aceiro con tratamento ferrus, un proceso protector do ferro que garante unha óptima resistencia á corrosión. No que aos bancos fai referencia, contan con pes de fundición –co mesmo tratamento anticorrosión que as papeleiras– e seis taboleiros de madeira tratada con protextor funxicida, insecticida e hidrófugo.

Tanto as papeleiras nos seus soportes, como os bancos nas súas patas, amosarán o escudo do Concello de Redondela sobre relevo con moldeo en forxa.

Digna Rivas salienta o feito que esta renovación do mobiliario urbano “amais de modernizar a imaxe do casco urbano, permitirá que as parroquias poidan dispoñer do material substituído logo de ser revisado e recuperado para que quede en perfecto estado de uso”.