Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela esperta o interese dos profesionais do sector turístico presentes en Fitur 2022

Concello de Redondela
21-01-2022
0
Redondela esperta o interese dos profesionais do sector turístico presentes en Fitur 2022

A alcaldesa Digna Rivas, que mantivo contactos con profesionais do sector para dar a coñecer a oferta turística do municipio asegurou que “Redondela está de moda”

“Redondela está de moda” afirmou hoxe a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, que acompañada pola concelleira de Turismo, María Castro, participou na presentación da oferta turística do municipio no marco da Feira Internacional de Turismo, Fitur 2022.

A alcaldesa, que mantivo contactos con profesionais do sector turístico, salientou o “interese que espertou a oferta turística do municipio que sorprendeu tanto pola súa cantidade como pola súa calidade”.

Durante a súa estancia en Fitur 2022, Digna Rivas mantivo tamén un encontro coa ministra de Turismo, Reyes Maroto, e o secretario de Estado para o Turismo, Fernando Valdés, no que a rexedora local aproveitou para darlles cumprida información sobre Redondela e a súa importancia no turismo das Rias Baixas.

Digna Rivas puxo de relevo a capacidade de Redondela “de ofertar non só beleza natural e paisaxística, senón patrimonial, histórica e cultural”. “As tendencias turísticas e as demandas do público teñen variado nos últimos tempos”, asegurou a alcaldesa quen incidiu sobre o feito de que un gran número de persoas “relegan a un segundo plano o tradicional turismo de sol e praias e se decantan polo turismo natural ou polo descubrimento dun turismo patrimonial e histórico no que Redondela ten moito que ofrecer”.

Redondela, que acude a esta cita –unha das máis importantes de Europa e cita obrigada para os turoperadores e profesionais do turismo– dentro do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño, levou ata Fitur 2022 numeroso material que fai un repaso visual, rápido pero detallado, por todos os elementos distintivos do municipio.

A Festa da Coca, declarada de Interese Turístico de Galicia, coas espectaculares Danza das Espadas e Danza das Penlas; a excelencia gastronómica da Festa do Choco que, ano tras ano, pon en valor un choco autóctono da enseada de San Simón; o Festival Internacional de Títeres, de recoñecido prestixio dentro e fora das nosas fronteiras, o Festival ArteLixo, que cada ano conta cunha maior sona, o Festival de Artistas de Rúa; os tradicionais Maios ou a Festa dos Fachos, son unha boa mostra do que Redondela oferta en cultura, gastronomía, arte e tradición.

A estes atractivos innegables, sumábase abundante información sobre a potencialidade do municipio redondelán en patrimonio artístico e cultural, aspecto no que o Goberno local traballa arreo para a súa rehabilitación e posta en valor. Cemiterio de Eidos, Fonte de Santiago ou Fonte da Raíña, todos eles recentemente recuperados, son tan só unha pequena mostra dos numerosos atractivos cos que conta Redondela neste eido.

Doutra banda, a cultura castrexa co castro de Negros como elementos destacado , os petroglifos da área de Monte Penide ou da Poza da Lagoa en Trasmañó, únense ao Centro de Interpretación da Batalla e Patrimonio de Rande á hora de achegar ás e aos visitantes, fragmentos da historia de Redondela da importancia que o municipio tivo ao longo dos tempos.

Espertou un grande interese entre as e os profesionais turísticos, o feito de que Redondela fose punto de confluencia do Camiño Portugués e Camiño Portugués pola Cosas (este último o que maior crecemento ten de todas as rutas xacobeas) o que supón un fluxo constante de persoas.

Nese sentido, Digna Rivas lembrou o traballo que se está a desenvolver dende a Concellería de Turismo para que as e os peregrinos que percorren a ruta xacobea “non só pasen por Redondela, senón que se deteñan no municipio, pernocten e teñan a oportunidade de coñecer máis a fondo non so a nosa riqueza cultural, artística e patrimonial, senón a hospitalidade das nosas xentes”.