Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela reestrutura os Servizos Sociais municipais “para reforzar e axilizar o servizo á cidadanía”

Concello de Redondela
11-05-2021
0
Redondela reestrutura os Servizos Sociais municipais “para reforzar e axilizar o servizo á cidadanía”

A reestruturación inclúe a contratación de dúas traballadoras eventuais e a creación de tres unidades técnicas –dúas en Redondela e unha en Chapela–.

O Departamento de Servizos Sociais do Concello de Redondela, que xestiona directamente a alcaldesa Digna Rivas, será obxecto nas vindeiras datas dunha fonda reestruturación que permita “axilizar este servizo esencial e reforzar a súa capacidade de resposta ás necesidades da veciñanza”.

A reorganización deste departamento, non fai máis que reafirmar a aposta do Goberno local polos Servizos Sociais. “Ninguén fai uso deste servizo por gusto, senón que as persoas que o utilizan o fan movidos pola necesidade. É precisamente por iso que ten que ser un servizo áxil e que dea respostas a cada unha das necesidades que formula a veciñanza”, asegura Digna Rivas.

A creación de tres unidades técnicas (dúas en Redondela e unha en Chapela), permitirán a redistribución das usuarias e usuarios non só dos núcleos urbanos senón tamén das parroquias que poderán ser atendidas coa dilixencia que se espera dun servizo destas características. A esta mellora na capacidade de resposta, contribúe tamén a contratación de dúas traballadoras eventuais que reforzarán ao persoal xa existente e a ampliación dos días de atención ao público.

Todas estas medidas permitirán que o Goberno local poida poñer en marcha iniciativas que sempre foron consideradas como prioritarias como o servizo de teleasistencia de libre concorrencia ou a posta en marcha do Plan de Axudas Técnicas.

“Estas e outras medidas –afirma a alcaldesa– tiveron que ser adiadas no seu momento debido á urxencia que se presentaba coa crise sanitaria da COVID-19”. Unha vez que a crise sanitaria tende a estabilizarse “é hora de retomar os nosos proxectos de Goberno e entre os prioritarios no que atinxe ao reforzamento dos servizos básicos á cidadanía, están os Servizos Sociais”.