Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello de Redondela investirá máis de 700.000 euros do remanente de tesourería na mellora de infraestruturas e servizos para a veciñanza

Concello de Redondela
31-05-2021
0
O Concello de Redondela investirá máis de 700.000 euros do remanente de tesourería na mellora de infraestruturas e servizos para a veciñanza

A maior parte dos fondos irán destinados a actuacións nas parroquias “ás que o anterior Goberno tivo no máis absoluto esquecemento”, asegura Digna Rivas O Concello de Redondela aprobou onte, en sesión plenaria, cos votos a favor do grupo de Goberno PSOE-AER, unha modificación de crédito con cargo ao remanente de tesourería de cara a poder destinar 717.062,07 euros do antedito remanente á realización de investimentos para a mellora de viais públicos, saneamento, instalacións deportivas e parques públicos, case que todas no ámbito rural.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, adiantou que “estes investimentos son posibles despois que documento de liquidación do Orzamento reforzase a boa xestión económica do equipo de Goberno ao cifrar unha estabilidade orzamentaria de 1.163.412,49 €”.

O equipo de Goberno subliña que precisamente son estes bos resultados económicos os que permitirán realizar obras de mellora de infraestruturas e servizos a veciñanza por importe superior aos 700.000 mil euros e que contribuirán a mellorar a calidade de vida da veciñanza.

As parroquias serán as grandes beneficiadas destes investimentos xa que nelas desenvolveranse traballos de mellora de infraestruturas viarias, saneamento e zonas de esparexemento e ocio para a cidadanía.

Así, e no que á mellora das infraestruturas viarias fai referencia, o Concello investirá 443.745,07 € no acondicionamento e mellora dos camiños do Subido (Chapela), e do Piñeiro e Santo Estevo; no acondicionamento e mellora da estrada de Santo Paio de Arriba (Reboreda); na pavimentación dos camiños Fontes, Cuco, Subido, Galo, Castañal e Eido de Bras e no ensanche do camiño do Albarren entre o camiño de Fortóns e a liña 810 de ADIF.

Doutra banda destinaránse 56.684,00 € para as obras de saneamento do camiño da Landra en Redondela.

Cómpre salientar, que a maior inversión destinarase para a realización da Segunda fase do parque de San Estevo, 150.000 euros, “unha das prioridades para este goberno, pois era imprescindible darlle continuidade as obras xa rematadas da primeira fase” afirma a Alcaldesa. O proxecto xa está aprobado e poderá ser licitados en poucas semanas de cara a que a veciñanza poida contar cun lugar de lecer e esparexemento”.

Finalmente e no referido a infraestruturas deportivas, o Goberno local realizará un investimento de 66.561,00 € na rehabilitación do Pavillón 'La Bombonera'.

O Goberno municipal lembrou a importancia dos investimentos no rural “que permiten á veciñanza dispoñer de servizos e comunicacións acordes cos tempos que vivimos” e lamentou que durante os sucesivos mandatos do PP, “as nosas parroquias foran as grandes esquecidas no que fai referencia á dotación de servizos básicos para a cidadanía”.