Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Comezan as obras de remodelación da Praza de Ponteareas para converter a principal entrada á vila “nun espazo amable pensado para a cidadanía”

Concello de Redondela
29-08-2021
0
Comezan as obras de remodelación da Praza de Ponteareas para converter a principal entrada á vila “nun espazo amable pensado para a cidadanía”

As obras, que supoñen a transformación total dun espazo degradado durante décadas, contarán cun investimento de máis de 730.000 euros e un prazo de execución de 10 meses

O Concello de Redondela iniciou esta semana as obras de remodelación da Praza de Ponteareas, uns traballos que segundo a alcaldesa Digna Rivas e a concelleira de Urbanismo, María Castro, permitirán “a total transformación dunha das principais vías de entrada ao casco urbano”. O asfalto, explica María Castro, “deixará paso a un espazo pensado, fundamentalmente, para o desfrute da veciñanza e no que as e os peóns teñan prioridade sobre os vehículos”.

O proxecto global de futuro supón a transformación das principais vías de Redondela, e o importe total das obras ascende a máis de 2.5 millóns de euros, estas obras serán desenvolvidas en 8 fases. O proxecto foi redactado polo estudo Gándara y Pons quen, dende o principio foi quen de interpretar a idea do Goberno local “de converter o ámbito de actuación nun lugar, pensado para as persoas, e que integrase nel o conxunto o monumental Pazo de Vilavella nunha gran praza central”.

Cómpre salientar que é precisamente nese gran espazo de entrada no que únense as dúas Rutas Xacobeas que atravesan o municipio –o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa– polo ese camiño e grazas á nova praza, “o propio Camiño quedará integrado como parte importante do patrimonio histórico e cultural de Redondela”.