Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Restrición circulación tráfico pesado polo casco urbano

Concello de Redondela
11-10-2022
0
 Restrición circulación tráfico pesado polo casco urbano

A alcaldesa de Redondela mantense firme ante a restrición do tráfico pesado en tránsito no casco urbano de Redondela

 

O tráfico pesado en tránsito está restrinxido no Centro de Redondela dende agosto. A decisión tomada pola alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, ten como intención protexer os veciños e as veciñas da Vila deste tipo de circulación.

 

O Concello de Redondela pechou o tráfico pesado en tránsito polo centro da Vila a mediados de agosto. Unha medida que segundo a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, “permite axilizar ao máximo a circulación de vehículos no centro da Vila e que non afectará o tránsito de autobuses de liñas regulares”.

Esta actuación provocou queixas por parte dos empresarios e veciños das parroquias de Amoedo, Cepeda e Nespereira (en Pazos de Borbén). Andrés Iglesias, alcalde de Pazos de Borbén, respondeu pasando a responsabilidade destas queixas directamente ao Concello de Redondela.

Segundo Iglesias, o peche ao tráfico pesado a través de Redondela e a PO-250 supón “unha decisión catastrófica para o polígono de Amoedo xa que pon en risco a viabilidade das empresas e en consecuencia a estabilidade laboral de moitos veciños de Pazos de Borbén”.

En resposta a estas acusacións, Digna Rivas mantense firme na súa decisión xa que considera que “a Vila non ten porque sufrir as consecuencias de que grandes camións circulen polo Casco Urbano para dirixirse a un polígono doutro municipio”.

A alcaldesa quixo engadir que , “a responsabilidade do acceso aos polígonos industriais é do Concello de Pazos de Borbén. Este tivo máis de 3 anos para actuar, dende que a Deputación de Pontevedra presentou un proxecto alternativo que resolvería o problema de entrada os polígonos industriais e polo tanto, é responsabilidade do alcalde de Pazos responder ante a situación”.

Rivas quere aclarar que a decisión tomada polo Concello de Redondela está pensada en defensa dos veciños e veciñas do municipio que “sofren este tipo de tráfico diariamente e que non teñen porque convivir cunha práctica que está sendo freada na maioría das cidades europeas”. Nesa liña, o Concello de Redondela segue as pautas marcadas pola Unión Europea no proxecto Ciudades 2030 “de facer urbes máis amables coas persoas”.

A sinalización que reflicte claramente a prohibición do paso de tráfico pesado en tránsito polo casco urbano xa está colocada nos puntos precisos, así como na contorna da Praza de Ponteareas.