Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Concello e Xunta reúnense para tratar os problemas dos centros de ensino de Redondela e as deficiencias no transporte escolar

Concello de Redondela
02-11-2023
0
Concello e Xunta reúnense para tratar os problemas dos centros de ensino de Redondela e as deficiencias no transporte escolar

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro de Ensino, Iván Valles, reuniranse este xoves, 2 de novembro, en Pontevedra co responsable provincial de Ensino, César Pérez Ares, e o director xeral de Mobilidade da Xunta, Ignacio Maestro Saavedra para trasladarlles as necesidades dos centros de ensino público de Redondela. As deficiencias do transporte escolar centrará o encontro, co obxectivo de que a Xunta de Galicia dea unha solución á falta de prazas do alumnado de Infantil, Bacharelato e FP das distintas parroquias "que non contan con trasporte público para trasladarse aos centros educativos de Redondela", apunta a rexedora de Redondela. Os responsables municipais demandarán tamén o desdobre dun aula de Primaria do CEIP Reboreda coa ratio máxima e varios alumnos teñen necesidades educativas especiais "para garantir unha educación de calidade para todos" explica Rivas. Na xuntanza analizarán cal é o estado actual dos colexios "xa que moitos debido á súa antigüidade presentan danos estruturais que van máis aló de simples reparacións de mantemento", sinala Valles.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro de Ensino, Iván Valles, reuniranse o próximo xoves 2 de novembro co responsable da Xefatura Territorial de Ensino de Pontevedra, César Pérez Ares, e co director xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia Ignacio Maestro Saavedra. A xuntanza, que se celebrará en Pontevedra, ten por obxectivo tratar diferentes problemáticas dos centros de ensino público de Redondela "tanto no que se refire ás necesidades do alumnado, como aos problemas estruturais dalgúns edificios e ás deficiencias no trasporte escolar", sinala a alcaldesa Digna Rivas.

Deficiencias no transporte escolar

A necesidade de solventar as deficiencias do transporte escolar nos centros de ensino de Redondela será outra das demanda que Rivas e Valles lle exporán ao director xeral de Mobilidade, Maestro Saavedra. Os responsables municipais lembran que desde o comezo do curso "o alumnado dos institutos está a sufrir as carencias do transporte escolar, especialmente o das parroquias de Reboreda, Portocabeiro, Vilar de Infesta, Cesantes, Quintela e Cedeira. A alcaldesa e o concelleiro, que xa mantiveron xuntanzas coas ANPAS dos centros afectados, sinalan que o servizo "non conta con prazas suficientes para facer o percorrido entre os domicilios do alumnado e o IES que lles corresponde". Os responsables municipais lamentan que os estudantes de ensino non obligatorio( tanto Infantil como Bacharelato) e ciclos de FP dos institutos Pedro Floriani e Mendiño non teñan dereito ao transporte escolar, segundo recolle a normativa da Consellería de Educación. Digna Rivas entende que Xunta de Galicia non garante a igualdade de oportunidades da mocidade de Redondela “ao discriminar ao alumnado que vive nas parroquias e que tampouco conta cun transporte público alternativo para desprazarse ao instituto”.

O pleno da Corporación de Redondela aprobou na sesión do mes de setembro unha moción na que instaban á Xunta a modificar a normativa actual "habilitando o transporte escolar e universal para todo o alumnado de 3 a 18 anos, sen restriccións por distancia".

O concelleiro de Ensino, Iván Valles, trasladaralles aos responsables autonómicos a preocupación do Concello polo caso do CEIP de Reboreda, onde unha das aulas de primaria presenta a ratio máxima de alumnos "coa particularidade de que cando menos catro deles teñen necesidades educativas especiais". Valles advirte da necesidade de desdobrar esta aula, tal como reclaman tamén as familias e o profesorado "para garantir que todo o alumnado conte coa atención educativa que merece".

Outro dos problemas dos centros de ensino de Redondela, derivado da antigüidade que presentan moitos deles, son as deficiencias estruturais dalgúns edificios. Valles sinala que, malia que o mantemento dos colexios é competencia municipal "o Concello non pode facerse cargo de danos que afectan a algúns edificios que teñen máis de 30 anos e que precisan melloras que van máis aló de simples reparacións de mantemento". Sinala o caso de fiestras en mal estado ou os alicatados dos aseos "que corren risco de desprendemento."