Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Reunión quincenal do órgano de Participación Infantil e Adolescente de Redondela "Axentes co Cambio"

Concello de Redondela
07-02-2022
0
Reunión quincenal do órgano de Participación Infantil e Adolescente de Redondela "Axentes co Cambio"

Durante a súa última xuntanza quincenal, que tivo lugar no Multiúsos de Chapela, o Órgano de Participación Infantil e Adolescente de Redondela "Axentes co Cambio" recibiu a visita da alcaldesa, Digna Rivas, e mais da concelleira de Ensino, Olga García.


As edís achegáronse a este grupo de representación da Infancia e a Adolescencia do noso municipio para consultarlles arredor de proxectos que vai poñer en marcha o Concello de Redondela en breve:
A remodelación do "Campito" de Chapela, o deseño da pista de skate a carón da Senda Verde, na mesma parroquia, así como a remodelación duns terreos municipais próximos á Igrexa de Cesantes, co fin de destinalos a espazo de ocio para a xuventude.

Próximamente dende a web do Concello vehicularase unha canle para que toda a cidadanía, especialmente menor de 18 anos, responda a unha consulta sobre eses proxectos, que axude a axeitalos o mellor posible aos gustos e necesidades da poboación nova.

O Órgano de Participación Infantil e Adolescente de Redondela púxose en marcha a comezos de 2021. Nun primeiro momento, debido á situación de pandemia, facía só xuntanzas en liña, pero xa foi a partir de xuño cando empezaron a reunirse de xeito presencial. Nos seus encontros debaten e fan propostas arredor de temas de interese para a infancia e a mocidade, como o cambio climático, o coidado dos animais, a prevención do acoso e, nos vindeiros meses, o coidado da saúde mental. O seu obxectivo é traballar a prol da infancia e adolescencia redondelá, adoptando un papel proactivo de cara a facer propostas á corporación, e sendo tamén un órgano para a rendeción de contas das institucións.


No pasado mes de xuño adoptaron o nome de Axentes do Cambio, co que se recoñecen a partir de entón. Na rede social Instagram teñen perfil, co nome @axentesdocambio: https://www.instagram.com/axentesdocambio/ 

O grupo está aberto á incorporación de calquera rapaz ou rapaza de entre 8 e 18 anos que resida en Redondela. Para calquera información podedes contactar no correo electrónico participacioninfantileadolescente@redondela.gal