Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Ruta Río Maceiras - Chapela

Concello de Redondela
11-03-2020
0
Ruta Río Maceiras - Chapela

APRAZADO

Ruta do Lixo e dos Muiños río Maceiras - Chapela centro

O motivo de realizar esta pequena andaina é descubrir os tesouros ocultos nas zonas verdes que ainda quedan no corazón da parroquia. Temos a sorte de conservar, xusto ó lado do centro urbano, muiños de distintas tipoloxías, pequenas fervenzas, pontellas de pedra, lavadoiros, árbores singulares e lugares con fermosas vistas á ría.

A futura vía verde atravesará o río Maceiras, un destos lugares con tanto interese. Esta senda peonil dará visibilidade e boa accesibilidade a unha zona da parroquia que leva moitos anos marxinada e esquecida.

Outro obxetivo da andaina é amosar ata qué punto fomos quen de impactar nestas zonas naturais, pois o cauce do río Maceiras está cheo de inxentes cantidades de lixo. A contaminación do tramo urbano do río é especialmente grave, xa que está moi preto da desembocadura do río na praia de Arealonga.

Agora non é cousa de buscar culpables, se non de facerse conscientes do grave dano feito á natureza e a nós mesmos. Pois a contaminación das augas e das zonas naturais, ó final sempre redunda na nosa calidade de vida e incluso na nosa saúde.

Vivimos nunha parroquia con rúas estreitas, sen beirarúas, polas que é incómodo moverse peonilmente e tamén temos gran escasez de espazos públicos de esparcemento. Estas zonas naturais, son a última oportunidade de Chapela para acadar espazos amables e de calidade, para o disfrute de toda a cidadanía.

Durante a ruta informarase das propostas da asociación para a rexeneración desta zona. Entre outras actuacións propostas solicítase a recuperación dun sendeiro peonil paralelo ó río.