Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O samaín de Redondela inclúe actividades para toda a familia e unha visita Teatralizadas con parada no Cemiterio dos Eidos

Concello de Redondela
15-10-2022
0
O samaín de Redondela inclúe actividades para toda a familia e unha visita Teatralizadas con parada no Cemiterio dos Eidos

O 31 de outubro o Concello de Redondela organiza actividades para todas as idades que inclúen obradoiros para facer cabazas de samaín, maquillaxe para crianzas, un túnel do terror e unha visita teatralizada pola vila que terá parada no premiado Cemiterio dos Eidos. A programación para o Samaín, deseñada polas Concellerías de Cultura e Turismo do Concello de Redondela, ofrece unha programación cultural extensa para todolos públicos que destaca pola visita teatralizada aos lugares históricos da Vila, onde os participantes poderán coñecer as lendas, supersticións e crenzas de Redondela, así como disfrutar da historia do premiado Cemiterio dos Eidos.

“Queremos que o Samaín, a festa que simboliza o fin do verán, sexa un encontro popular que dea vida ás rúas e comercios de Redondela. As actividades están pensadas para todos os públicos con moito agarimo e traballo para converter o municipio nun escenario de terror por un día”, conta a alcaldesa Digna Rivas.

A Visita guiada na Noite de Defuntos é gratuita, pero ten un un máximo de 50 participantes polo que é necesario a inscripción previa de forma presencial na Oficina de Turismo de Redondela. O prazo de inscripción abre a partir do día 24 deste mes e estará aberto hata esgotar boletos.

A actividade é unha colaboración do Concello con Barafunda Animación que serán os encargados da creación dos personaxes e a caracterización. Entre as figuras que aparecerán durante a visita e que interactuarán cos participantes están a Bruxa Benita e a Santa Compaña, ademais de moitas máis sorpresas.

O percorrido da visita inicia ás 22 horas na Casa da Torre e transcurre polo Centro da Vila para rematar ás 23 horas e media na praza de Santiago, pasando polo Cemiterio dos Eidos. Este camposanto é o máis antigo de Redondela e conta co premio de “Cemiterio máis bonito de España”, concedido pola revista Adiós Cultural en 2022.

ACTIVIDADES PARA OS MÁIS PEQUENOS E PEQUENAS

A partir das 17 horas da tarde comezan as actividades para nenos e nenas con obradoiros de maquillaxe, tatuaxes e cabazas de samaín no Multiusos de Redondela e no de Chapela de forma simultánea.

“Como de costume, o goberno actual pon puntos de interés tamén nas parroquias. Os nenos e nenas de Redondela teñen que ter o maior acceso posible ás actividades, por iso levamos a celebración ao Multiusos de Redondela e o de Chapela”, explica Digna Rivas.

En colaboración coa Asociación de Comerciantes as tendas contarán toda a tarde con caramelos para o ‘truco ou trato’, cortesía do Concello. Para os máis valentes, na Alameda de Castelao de 18:30 horas a 20:30 horas estará instalado un túnel do terror para nenos e nenas a partir de 12 anos ou menores acompañados dun adulto.

O Concello de Redondela quere lembrar que “todas as festas programadas teñen como intención poñer en valor o patrimonio do municipio. Por este motivo o Samaín terá un compoñente educativo e histórico moi importante nas súas actividades, destacando a Visita Teatralizada”, conclúe Rivas.

Samaín de Redondela

Data: 31 de outubro.

Hora: De 17 horas a 23.30 horas.

Onde: Rúas do Centro da Vila, Praza de Ribadavia, Alameda de Castelao e Multiusos da Xunqueira e de Chapela.