Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O programa de conciliación iniciou o luns a segunda quenda que se alongará ata o día 30 de xullo

Concello de Redondela
21-07-2021
0
O programa de conciliación iniciou o luns a segunda quenda que se alongará ata o día 30 de xullo

Por segundo ano consecutivo, o programa que busca a conciliación laboral e familiar, abrangue os meses de xullo e agosto. Este pasado luns iniciouse a segunda quenda do programa de conciliación que, durante os meses de xullo e agosto, ofrece o Concello de Redondela para que veciñas e veciños teñan a oportunidade de conciliar a vida laboral e familiar durante os meses das vacacións estivais dos rapaces e rapazas. Esta segunda quenda alongarase ata o día 30 de xullo para, posteriormente, iniciarse as dúas correspondentes ao mes de agosto

Os campamentos de conciliación ofertan un total de 240 prazas para xullo e outras tantas agosto e, de cara a facilitar a participación de nenos e nenas, desenvolvese no CEIP de Cedeira (30 prazas), CEIP de Laredo (40 prazas); CEIP Outeiro das Penas (40 prazas), CEIP Plurilingüe Porto-Cabeiro (40 prazas), CEIP Plurilingüe Quintela (20 prazas), CEIP Plurilingüe de Reboreda (30 prazas) e IES Mendiño (40 prazas). O límite de prazas estará suxeito, en todo caso, ás restricións que marquen as autoridades sanitarias segundo evolucione a situación da pandemia da COVID-19.

Os nenos e nenas con necesidades educativas especiais terán praza nos centros de Redondela (IES Mendiño) e Chapela (CEIP Laredo).

Amais de estender as actividades a dous meses, buscouse tamén “flexibilizar” os períodos de inscrición que, o pasado ano eran de mes enteiro e, este ano, poden facerse por quincenas. Con este sistema, explicaba a alcaldesa Digna Rivas, “posibilítase a participación dun maior número de nenas e nenas e, polo tanto, facilitamos que un maior número de familias poidan conciliar mellor a súa vida laboral”.

A nova normativa para a celebración destes campamentos de conciliación foi moi ben acollida pola cidadanía, tanto así que cubríronse case que na súa totalidade as prazas habilitadas para cada quenda. “Para as familias non só é importante conciliar a súa vida laboral e familiar, senón tamén saber que os seus fillos e fillas están realizando actividades lúdico educativas baixo a supervisión de persoal cualificado e con todas as condicións de seguridade sanitaria esixibles”, conclúe a alcaldesa redondelá.