Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello instala un semáforo na contorna do CEIP de Cesantes “dando resposta a unha demanda histórica da veciñanza”

Concello de Redondela
27-07-2021
0
O Concello instala un semáforo na contorna do CEIP de Cesantes “dando resposta a unha demanda histórica da veciñanza”

A alcaldesa destacou “a colaboración e o traballo incansable” da ANPA do CEIP Outeiro das Penas, á hora de dotar á N-550 dun elemento “imprescindible” para a seguridade viaria. O Concello de Redondela vén de rematar a instalación dun semáforo na estrada N-550 na contorna do CEIP Outeiro das Penas, en Cesantes. Dáse resposta así ao que a alcaldesa Digna Rivas cualificou de “demanda histórica” tanto da veciñanza coma da comunidade escolar para mellorar a seguridade viaria nunha zona que rexistra un elevado tránsito de peóns. É preciso subliñar que por esa zona circulan a pé, diariamente, non só numerosos veciños e veciñas senón que é paso obrigado Camiño de Santiago ao igual que o é para o alumnado e familias do CEIP Outeiro das Penas.

A alcaldesa Digna Rivas quixo agradecer, especialmente “a colaboración e traballo incansable” da ANPA do CEIP Outeiro das Penas que, coas xestións realizadas dende o primeiro momento pola Alcaldía de Redondela, “foron quen de dar solución a un grave problema de seguridade viaria que afectaba, moi directamente, á veciñanza e aos nenos e nenas do Outeiro das Penas”.

O paso de peóns regulado por semáforo, quedou instalado entre as dúas paradas de autobuses e a intersección de acceso ao CEIP.

Dende á chegada ao Goberno, non é esta a primeira actuación de mellora da seguridade viaria tanto de veciñas e veciños como de escolares e, nese sentido, cómpre lembrar que, en menos dun ano dende a súa chegada ao Goberno local, a Alcaldía redondelá daba resposta ás demandas que, en materia de seguridade viaria, viña realizando dende hai anos a comunidade escolar do CEIP Alexandre Bóveda de Angorén, na parroquia de Chapela, instalando outro semáforo para permitir que alumnos e alumnas do CEIP puideran cruzar, sen risco, a N-552.

“Tanto o semáforo de Cesantes, que agora entra en funcionamento, como o de Angorén, que está operativo dende hai varios meses, respondían a demandas da veciñanza que levaban anos sen ver satisfeitas e que nós consideramos como de absoluta prioridade”, apuntou Digna Rivas.