Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela asume o reto “Unha semaniña enteira” polo día de Rosalía de Castro

Concello de Redondela
21-02-2024
0
Redondela asume o reto “Unha semaniña enteira” polo día de Rosalía de Castro

A Alameda Rosalía de Castro de Chapela acolleu esta tarde a presentación dos actos vencellados á celebración do Día de Rosalía. Unha vez máis o Concello de Redondela “quere amosar o seu compromiso con esta muller universal”, sinalaba a alcaldesa Digna Rivas, responsable tamén do Servizo de Normalización Lingüística. O goberno local decidiu arroupar unha iniciativa lanzada dende os institutos titulada "Unha semaniña enteira". Trátase dun reto: falar galego as 24 horas durante unha semana, do 26 de febreiro ao 3 de marzo. O técnico do Servizo de Normalización Lingüística, Xurxo Martínez, explicou que desde o Concello quixeron implicar a distintos sectores, desde o ensino, ata os clubs deportivos, o cadro de persoal municipal, a hostalaría, comercios e praza de abastos, etc. Para iso elaboráronse unhas chapas co rostro de Rosalía entre os participantes do reto co lema da campaña.

O responsable de Dinamización Lingüística do IES Chapela, Aldán Satamarina, explicou que este reto naceu “da necesidade de fomentar o uso do galego entre os mozos e mozas”, xa que no instituto constatan que uso da lingua do país cada ano é menor. O mestre agradeceu o apoio do Concello, e que a administración local implicase aos demais sectores da sociedade.

En paralelo, desde o Concello promóvese unha iniciativa nas Prazas de Abastos, tanto de Chapela como de Redondela, que estará en marcha toda esa semana. Consiste nun sorteo dunhas bolsas de tea, cun deseño especial vencellado a Rosalía de Castro, entre aquelas persoas que presenten o día 23 un xustificante de compra destes mercados. O acto de entrega das bolsas (até esgota existencias) farase na Praza de Abastos de Chapela entre as 10 e as 11, e na Praza de Abastos de Redondela, entre as 12 e 13h. Ademais esa xornada do 23, día de Rosalía, o obradoiro de Hostalaría do Concello de Redondela repartirá de balde o chamado Caldo de Gloria, un caldo feito a partir dunha receita dun poema de Rosalía e que a Fundación Rosalía de Castro leva promovendo dende hai anos, e ao cal se volve sumar unha vez máis Redondela.

O presidente da Fundación, Anxo Angueiras, eloxiou a iniciativa que implica “a toda a sociedade, a un pobo enteiro, e que o fai na data de Rosalía, unha figura que nos une e nos representa a todos como galegos”. Lembrou tamén que o Concello de Redondela ten o seu nome escrito “en letras de ouro” na historia da dignificación da lingua galega, e que segue hoxe “nese mesmo camiño”. A alcaldesa Digna Rivas, que pechou o acto, agradeceu a participación de todos os colectivos que se sumaron a este proxecto para promover a lingua e homenaxear a Rosalía de Castro, “unha muller universal e feminista á que teño como referente”. No acto participaron tamén Noemí Moreira, directora do CEIP Alexandre Bóveda, Julia Alonso, como representante da Asociación de Empresarios, Manuel Conde, presidente do club Casa Paco, e Patricia Vilán en representación do cadro de persoal do Concello de Redondela.

Para rematar o acto Rivas e Angueira plantaron na Alameda de Chapela un camelio do xardín da Casa Rosalía cedido pola Fundación. A agrupación Semente Nova, encargada de abrir o acto coa súa música, foi a encargada de pechalo co himno de Galicia.