Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Situación de risco: INFLUENZA AVIARIA

Concello de Redondela
18-01-2023
0
Situación de risco: INFLUENZA AVIARIA

Atendendo á petición da Consellería do Medio Rural – Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, o Concello colabora na difusión das medidas orientadas fundamentalmente a evitar o contacto directo ou indirecto das aves domésticas coas aves silvestres de calquera especie no termo municipal de Redondela por estar declarado Zona de Especial Vixilancia :

  •  Prohíbese a cría de aves ao aire libre: todos os propietarios de aves deben recluír as súas aves en instalacións pechadas ao cuberto. Se isto non fora posible por non dispoñer destas instalacións, poderíanse manter as aves no exterior sempre que existan teas paxareiras ou calquera outro dispositivo que impida o acceso das aves silvestres, e sempre que se alimente e subministre auga ás aves domésticas no interior das instalacións que impidan o contacto das aves silvestres coa auga ou alimento destinados ás aves domésticas.
  • Queda prohibido o uso de reclamos de caza con aves do tipo anátidas (parrulos ou similares) e charadriiformes (gaivotas e similares).
  • Queda prohibida a cría de parrulos, ocas e gansos xunto con outras especies de aves de curral
  • Prohíbese dar ás aves de curral auga procedente de depósitos superficiais, fontes ou outras orixes nas que puideran ter acceso as aves silvestres, salvo que a auga fora sometida a un tratamento de hixienización que garanta a inactivación de posibles virus da influenza aviaria.
  • Os depósitos de auga de subministro para as aves domésticas, que puidera haber no exterior, deberán ser protexidos para impedir que poidan acceder as aves silvestres ou as súas dexeccións.
  • Quedan prohibidas as concentracións de aves de calquera tipo, comerciais ou non (exhibicións, concursos...), tanto de aves de curral como doutras aves distintas a estas (p. ex. aves ornamentais ou similares).
  • É obrigatoria a inscrición dos currais familiares de autoconsumo no Rexistro Galego de Explotacións Avícolas da Consellería do Medio Rural.

Así  mesmo recoméndase

  •  As persoas relacionadas con granxas avícolas comerciais que posúan tamén unha explotación avícola de tipo curral familiar, deben evitar ter contacto con aves dunha e outra explotación sen previamente tomar as axeitadas medidas de bioseguridade (lavado de roupa, lavado de mans...), especialmente se as aves do galiñeiro familiar teñen posibilidade de contactar con aves silvestres.
  • As persoas titulares ou traballadoras en explotacións ou titulares de currais familiares de calquera tipo, no caso de realizar actividade cinexética de caza  menor de aves, deben manter as adecuadas prácticas de bioseguridade unha vez finalizada a actividade cinexética, procurando no entrar en contacto coas aves domésticas da súa propiedade

En relación á obriga para as persoas titulares de currais familiares de autoconsumo de inscribir o seu curral no Rexistro de Explotacións Avícolas da Consellería do Medio Rural, compre lembrar que a única finalidade deste rexistro é ter constancia da existencia do curral, como información de interese nunha situación de emerxencia sanitaria por influenza aviaria no territorio galego.

O rexistro pode realizarse por diversas vías:

OFICINA AGRARIA COMARCAL EN REDONDELA: Paseo da Xunqueira, 15, 1º andar

  VER A CARTA DA CONSELLERÍA DE MEDIO RURAL REMITIDA AO CONCELLO DE REDONDELA