Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

A Deputación recoñece o traballo do SNL de Redondela cunha subvención de 20 000 euros

Concello de Redondela
05-05-2022
0
A Deputación recoñece o traballo do SNL de Redondela cunha subvención de 20 000 euros

A Xunta de Goberno da administración provincial concedeu a Redondela a cantidade máxima establecida

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de recoñecer o traballo que realiza o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, dependente da concellería que xestiona a alcaldesa Digna Rivas, coa concesión dunha subvención de 20 000 euros –a máxima cantidade posible– dentro das axudas que o organismo provincial outorga para o reforzo e mantemento do SNL nos concellos.

A concelleira de Normalización Lingüística e alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, quixo destacar “a importancia da colaboración e apoio da Deputación en materia de normalización lingüística”. A rexedora local adiantou que esta axuda “permitirá avanzar en varios proxectos que o SNL de Redondela ten en marcha”.

Lembrou Digna Rivas que nesa liña de traballo, recentemente presentouse o proxecto de recuperación e conservación da microtoponimia do municipio e, con esta axuda, “poderemos seguir avanzando noutros proxectos innovadores cos cales quere integrar a novos axentes no proceso de normalización lingüística, dende o comercio local até o ensino pasando por áreas tan diferentes como as persoas maiores ou o tecido cultural”.

A alcaldesa redondelá lembrou que Redondela “foi e segue a ser un referente en materia de normalización lingüística” e, historicamente, “un dos primeiros concellos de Galicia en apostar e normalizar o uso do noso idioma nas relacións da administración local coa cidadanía”.

“O noso idioma defínenos como pobo ao igual que a cultura e o patrimonio e como sinal de identidade, temos non so que conservalo, senón fomentar o seu uso”, conclúe Rivas.