Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O ciclo Susurrande achega a música feita por mulleres ao Meirande

Concello de Redondela
13-08-2021
0
O ciclo Susurrande achega a música feita por mulleres ao Meirande

Sofía Espiñeira, Su Garrido e Zeltia e Irevire completan o cartel nun festival acústico ao carón do mar que contará tamén coa intervención da poeta Carolina Sertal. A programación cultural de verán de Redondela achega mañá ao Museo Meirande o ciclo Susurrande, un encontro coa música acústica feita por mulleres. Trátase dun festival que, segundo explica o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, "é moi especial porque celébrase durante dous días na explanada de Meirande, ao carón do mar, e só con voces femininas".

Susurrande arranca mañá, 13 de agosto, ás 21.30 horas coa actuación de Sofía Espiñeira. A cantautora mugardesa tocará cancións que contan historias de momentos vividos por ela mesma e de sentimentos. O sábado, 14 de agosto, tocaralle a quenda a Su Garrido, ás 21.00 horas. A cantante viguesa participará en Susurrande co seu estilo musical a cabalo entre a bossa, folk, jazz ou latin. Pechará o ciclo a actuación de Zeltia e Irevire, o sábado tamén, ás 22.30 horas, cun acústico no que o protagonista será o folk tribal nunha mistura de estilos marcados pola súa plasticidade e orixinalidade. Tanto o venres como o sábado, a poeta redondelán Carolina Sertal recitará poemas da súa última obra Anguria en diferentes intres do festival.

Ademais, Susurrande nace co obxectivo de que o Museo Meirande se converta nun novo escenario na oferta cultural redondelán e, durante o ciclo, as instalacións estarán abertas en horario ininterrompido ata as 22.00 horas.

Os concertos son de balde e as entradas poden ser recollidas por estreito orde de chegada ata completar aforamento, no museo Meirande e na oficina de Turismo de Redondela en horario de 10.30-14.00 e de 15.30 a 19.00 horas. O público asistente aso concertos terá que estar sentado e cumprir as normas sanitarias.

      

Susurrande conta tamén coa colaboración da Asociación Deportiva e Cultural de Rande.