Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

TAI CHI 2021

Concello de Redondela
06-10-2021
0
TAI CHI 2021

FORMULARIO INSCRIPCIÓN CURSO TAI CHI 2021

 

As clases de taichi do programa 'Redondela Saúde 2021' abren o seu prazo de inscrición o mércores 7 de outubro

Impartiranse por grupos en Redondela, Chapela, Cabeiro, Reboreda, O Viso (Saramagoso) e Ventosela

Redondela, 6 de outubro de 2021. A Concellería de Servizos Sociais que xestiona Iria Vilaboa, vén de anunciar que entre os días 7 e 18 de outubro, estará aberto o prazo de inscrición para as clases de taichí que se desenvolverán ao abeiro do programa 'Redondela Saúde 2021'.

Para un mellor aproveitamento e facilitar que as persoas interesadas poidan participar, explica Iria Vilaboa, crearanse grupos en Redondela, Chapela, Cabeiro, O Viso (Saramagoso), Reboreda e Ventosela, de tal xeito que as e os participantes poidan reducir os seus desprazamentos.

Nos impresos de inscrición, que se poden retirar nas oficinas do Rexistro Xeral –tanto na Casa do Concello de Redondela como en Chapela– ou na páxina web do Concello, as persoas interesadas deberán marcar o grupo no que queren participar. Nos casos de Redondela e Chapela que contarán con dous horarios, deberán marcar tamén a opción preferida. En caso de que a primeira opción estea completa, inscribiríase na segunda e, no caso que tamén estivera completa, quedaría en lista de agarda. En todo caso, a adxudicación de prazas realizarase por estrita orde de inscrición.

As clases impartiranse nos seguintes horarios: Redondela, martes e xoves de 8.30 h a 9.30 horas (opción 1) e de 9.30 h a 10.30 horas (opción 2). Chapela, luns e venres de 9 h a 10 horas no Pavillón de Deportes (opción 1) e de 17.30 h a 18.30 horas no Círculo Cultural (opción 2).

O resto dos lugares terán un único horario quedando tal e como segue: Cabeiro, mércores de 18 h a 19 horas e venres de 20.15 h a 21.15 h; O Viso (Saramagoso), martes e xoves de 19 h a 20 horas; Reboreda, luns e venres de 19 h a 20 horas e, finalmente, Ventosela, martes e xoves de 17.30 horas a 18.30 horas. Cómpre salientar que no caso concreto de Saramagoso, a actividade no comezaría ata o luns 25 de outubro ao estarse realizando obras na Casa Cultural.

As clases de taichi no concello de Redondela constitúen unha das actividades que máis demanda ten e que contan cunha alta participación da veciñanza dados os beneficios que para a saúde, supón esta práctica milenaria.