Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello de Redondela xunto coa Fundación Amigos de Galicia organiza obradoiros de novas tecnoloxías para as persoas maiores

Concello de Redondela
09-06-2022
0
O Concello de Redondela xunto coa Fundación Amigos de Galicia  organiza obradoiros de novas tecnoloxías para as persoas maiores

A iniciativa conxunta das concellerías de Novas Tecnoloxías e Persoas Maiores busca que poidan utilizar con soltura caixeiros automáticos, maquinas de quendas dos centros oficiais ou aplicacións do teléfono móbil de utilidade

O Concello de Redondela, a través das concellerías de Novas Tecnoloxías e Persoas Maiores, xestionadas por Olga García Ballesteros e Iria Vilaboa, respectivamente, e coa organización da Fundación Amigos de Galicia desenvolverá unha serie de obradoiros coa intención de que as persoas maiores melloren os seus coñecementos sobre as novas tecnoloxías e poidan normalizar a súa utilización para o desenvolvemento de tarefas cotiás.

A actividade, explica a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, “reafirma a aposta deste Goberno con todas aquelas iniciativas que contribúan a mellorar a calidade das e dos nosos maiores”.

Os obradoiros de balde impartidos pola Fundación Amigos de Galicia estarán formados por un máximo de 15 persoas o que permite un mellor aproveitamento da actividade na que, as e os participantes, adquiriran coñecementos sobre o funcionamento das máquinas de quendas dos centros oficiais (Concello, centro de saúde...), utilización dos caixeiros automáticos das entidades bancarias, sacar o máximo aproveitamento das funcionalidades do seu teléfono móbil e, en especial, á aplicación do Sergas que permite desenvolver todos os trámites sanitarios precisos.

O obradoiro trata, polo tanto de ofrecerlle unha axuda práctica sobre dispositivos vinculados ás novas tecnoloxías que son de uso cotiá e saber como facer uso do caixeiro automático, de uso case que obrigado, ou como coller turno nas máquinas que existen en case que todos os organismos públicos.

As persoas interesadas poden formalizar a súa solicitude, a partir do vindeiro luns 13 de xuño, no Multiúsos da Xunqueira e no Multiúsos do Piñeiral do Crego en Chapela. Posteriormente comunicaráselle ás persoas inscritas os horarios en que se desenvolverán os obradoiros.