Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela habilita un teléfono de atención ás persoas maiores e dependentes para facilitar o autoconfinamento e evitar contaxios

Concello de Redondela
28-01-2021
0
Redondela habilita un teléfono de atención ás persoas maiores e dependentes para facilitar o autoconfinamento e evitar contaxios

O Goberno local de Redondela vén de anunciar a posta en marcha dun servizo de atención telefónica  as persoas maiores e/ou dependentes que vivan soas e permitir o seu autoconfinamento evitándolles desprazamentos innecesarios á hora de realizar as compras de produtos de primeira necesidade como alimentos ou medicamentos.

As persoas que precisen deste servizo, que estará coordinado polo Departamento de Servizos Sociais do Concello, non teñen máis que poñerse en contacto co teléfono 986 40 17 13 en horario de 9 h a 14 horas e de 16 h a 21 horas de luns a domingo, onde se lle darán as indicacións precisas sobre os pasos a seguir.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas –que tamén xestiona as concellerías de Servizos Sociais e Persoas Maiores– lembrou que ante o momento grave que se está a vivir, cun incremento constante de número de contaxios, “temos a obriga de protexer á poboación máis vulnerable e, evitar que teñan que desprazarse para mercar produtos de alimentación ou de farmacia, e un xeito impedir que se contaxien”.

Rivas explicou que o servizo está dirixido, especialmente, ás persoas maiores, dependentes ou afectadas pola COVID que vivan soas. Moitas persoas maiores das parroquias de Redondela que viven sos ou soas e poden afrontar perfectamente o día a día en circunstancias normais. “En situacións como a que estamos a vivir –explica a alcaldesa– nas que é recomendable o autoconfinamento ou que cando menos reduzan os desprazamentos ao mínimo imprescindible, dispoñer deste servizo é imprescindible”.

A protección dos colectivos máis vulnerables, neste caso o das persoas maiores “é unha prioridade para este Goberno e, se a evolución da pandemia así o require, continuaremos poñendo en marcha iniciativas encamiñadas á súa protección”, engadiu.

O Servizo de Teléfono para Persoas Maiores é unha ferramenta máis que o Concello de Redondela habilita para tentar poñer freo a expansión da COVID e, nese sentido, a rexedora local, insiste “na prevención, a responsabilidade individual e o cumprimento estrito das normas sanitarias ditadas pola administracións autonómica e estatal, como mellor arma para evitar os contaxios e iniciar o camiño de volta á normalidade”.