Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Unha biblioteca para Xela Arias

Concello de Redondela
14-05-2021
0
Unha biblioteca para Xela Arias

No ano 2018 Redondela recoñeceu a figura da poetisa Xela Arias ao poñer o seu nome a unha das súas bibliotecas municipais.

Nese ano, o Concello de Redondela convidara á cidadanía a participar na elección dun nome para a Biblioteca situada no Multiúsos do Piñeiral do Crego, na parroquia de Chapela.

Foi o nome de Xela Arias, proposto pola biblioteca do IES Chapela, instituto no que ela deu clases, o escollido entre varias suxestións de nomes de persoeiros vencellados á literatura e mais á lingua galega que foron achegados pola veciñanza. A escolla recibiu a aprobación unánime do Pleno municipal en novembro dese ano.

Nunha cerimonia que tivo lugar xa no 2019, distintas autoridades descubriron a placa conmemorativa que asignaba o nome de "Biblioteca Pública Municipal Xela Arias" á biblioteca de Chapela. Ademáis un mural lembra á escritora na entrada interior da biblioteca, en cuxa fachada tamén se gravou o nome de Xela.

Ao acto asistiran entre outros Manuel Bragado, pedagogo, escritor e vencellado á editorial Xerais, da que foi o seu director durante 24 anos, unha representación do IES de Chapela, onde Xela Arias levou a cabo labores docentes e tamén o fillo, a nai e mais un irmán da poetisa falecida en 2003.

Por iso este ano as bibliotecas de Redondela están a celebrar con especial intensidade as celebracións referidas ás Letras Galegas. Entre elas hai que destacar o programa radiofónico " Xela a diario" coordinado e conducido pola dinamizadora cultural Ana Facchini, o encontro virtual cos centros de ensino superior ao redor da figura da autora lucense que tivo lugar nestes días, e por último, o VÍDEO “BUSCANDO A XELA”, do que gozarán os centros de ensino de primaria do noso municipio, pero tamén o público en xeral a partir de hoxe.

      

A idea do vídeo parte duns momentos nos que non é posible realizar visitas escolares de carácter presencial ás bibliotecas. Dese xeito tenta suplir esta carencia, propiciando ao tempo un achegamento dinámico dos máis novos, á figura de Xela.

O vídeo é un proxecto da Concellería de Cultura de Redondela e mais das bibliotecas municipais, e conta coa dirección, guión e interpretación da actriz e contacontos Raquel Queizás e mais a gravación de Fernando Carreira.

VER O VÍDEO