Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Os Venres Cativos. Unha iniciativa dentro do proxecto Apego

Xurxo Martínez González
22-01-2018
0
Os Venres Cativos. Unha iniciativa dentro do proxecto Apego

Apego é unha iniciativa de varios municipios preocupados pola transmisión interxeracional da lingua galega. Por esta razón, dirixímonos ás familias que están a prepara-la chegada dun novo membro e tamén ás que tedes crianzas até 6 anos. Queremos axudar á socialización en galego e propoñérvo-lo uso do galego para crear vencellos coa familia, para asenta-lo arraigo a esta terra, porque a lingua que aprendemos a falar, vai ser base da identidade futura do voso fillo ou filla.

O Servizo de Normalización Lingüística de Redondela promove, dentro do proxecto Apego, o programa Os Venres Cativos. Unha actividade dirixida ás cativas e cativos cada venres final de mes. Actividades de música, contacontos, didáctica... Todo para achega-lo galego de maneira lúdica e instrutiva.

Comezámo-lo día 20, sábado, porque queremos faremos un concerto inaugural deste programa. Ese día A Banda dos Cueiros actuará no Multiúsos da Xunqueira, ás 12h. Aproveitade para coñece-lo proxecto Apego e as actividades que organizamos para o primeiro trimestre de ano.

Tomade nota das outras actividades, todas de balde:

  • Venres, 26 de xaneiro, O lobo bobo de Elefante Elegante (Multiúsos da Xunqueira, ás 18h). A partir de 3 anos.
  • Venres, 23 de febreiro, A viaxe de Rosalía de Larraitz (Multiúsos Piñeiral do Crego, Chapela, ás 18h). A partir de 3 anos.
  • Venres, 20 de marzo, Letras e notas de Magín Blanco (Multiúsos da Xunqueira, ás 18h). A partir de 3 anos.

A lingua de cada pobo é un tesouro irrepetible e tamén é a cerna que lle permite existir e descubri-lo mundo. Vén canda nós, súmate ó proxecto Apego, para crer no futuro da lingua pousado nas nosas crianzas.