Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello mantén a súa aposta polo Meirande potenciando a súa web cunha completa visita virtual

Concello de Redondela
18-06-2022
0
O Concello mantén a súa aposta polo Meirande potenciando a súa web cunha completa visita virtual

A Concellería de Turismo continúa coa posta en valor do Centro de Interpretación da Batalla e o Patrimonio Cultural de Rande, incluído na Rede de Espazos Museísticos Atlánticos dende setembro do pasado ano

A Concellería de Turismo do Concello de Redondela, que xestiona María Castro Abad, vén de dar un novo paso na posta en valor do Meirande –Centro de Interpretación da Batalla e Patrimonio Cultural de Rande–, dotando ao seu portal web dunha completa visita virtual que permite que calquera persoa poida percorrer, polo miúdo, o espazo museístico dende a súa propia casa.

Ao acceder á web do Meirande –https://meirande.redondela.gal/– o botón Visita Virtual, permítenos situarnos ná recepción do espazo museístico para, dende aí, poder realizar un detallado percorrido a todos e cada un dos recunchos do museo. Seguindo os puntos marcados no chan e utilizando as frechas do teclado ou o rato, as e os visitantes poden pasear pola instalación, gozar do contido das salas dende distintas perspectivas e dispoñer da posibilidade de achegarse a aqueles detalles que lles interesen especialmente a través dun zoom que se activa coa roda do rato.

A visita virtual, que 'engancha' ao visitante dende o primeiro momento, conta amais coa posibilidade de, en determinados puntos, activar vídeos onde as personaxes da época explican detalles sobre a Batalla ou outros datos de interese sobre o espazo de Rande.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, asegurou que “a iniciativa da Concellería de Turismo permite dar unha maior difusión, e de xeito moi atractivo e ameno, aos contidos do Meirande”. A alcaldesa amosou o seu convencemento de que a visita virtual “espertará nas persoas que a fagan o interese por achegarse posteriormente ao Meirande para realizar o percorrido, in situ, e coñecer o excepcional enclave no que está situado.

Digna Rivas lembrou que, dende que María Castro se fixo cargo da Concellería de Turismo, “a potenciación do Meirande, como punto de interese turístico, “foi unha das prioridades do Goberno local” como o demostra remodelación total da páxina web, que permite acceder a contidos audivisuais e, incluso a unha recreación da propia batalla naval, ou a inclusión, dende setembro do 2021, do Meirande na Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA) á que, ata entón, non pertencía.

A rexedora redondelá non dubida en salientar que o Meirande “era un espazo museístico de primeira orde totalmente infrautilizado”. Era preciso poñelo en valor e, sobre todo, “colocalo no mapa dos museos costeiros de Galicia, norte de Portugal e Asturias”.

Os 36 museos que forman parte do REMA, acollen exposicións temporais dos fondos cedidos polos seus membros o que, insiste Digna Rivas, “nos brinda unha marabillosa oportunidade de dar a coñecer os fondos do Meirande noutros espazos e, ao mesmo tempo, acoller fondos procedentes de museos membros para a súa exposición de difusión”.