Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello ultima a posta en marcha da nova páxina web de turismo concibida “como unha ferramenta útil e dinámica para o sector”

Concello de Redondela
19-06-2022
0
O Concello ultima a posta en marcha da nova páxina web de turismo concibida “como unha ferramenta útil e dinámica para o sector”

A Concellería de Turismo mantivo reunións con representantes da hostalaría e a hospedaxe para coñecer a súa opinión sobre o novo portal e incorporar as súas achegas.

O Concello de Redondela pon en marcha a nova web de turismo, concibida como unha ferramenta de utilidade para as persoas visitantes ou para a propia veciñanza pero, sobre todo “como elemento dinamizador para sectores locais da hospedaxe e a hostalaría”.

A web é: https://turismoredondela.es/  

A iniciativa do departamento que xestiona María Castro Abad, quere ser un escaparate “atractivo e dinámico”, con seccións ben diferenciadas –Que ver, Que facer, Onde comer, Onde durmir e Camiño de Santiago– de fácil acceso e que responda ás necesidades de información tanto das persoas visitantes como da propia veciñanza.

Nesta web atópase breve información sobre distintos elementos culturais (Monte Penide, o miliario de Vilar, a igrexa de Santiago, o leguario da Pantalla...) e propostas de enclaves paisaxísticos (A Peneda, Cedeira, areal de Cesantes, paseo da Portela...). Esta información, que detalla a xeolocalización, facilitará o coñecemento da historia de Redondela así como gozar dos beneficios da natureza.

Toda esta información, recollida en tres idiomas (galego, castelán e inglés), aparece recollida en grandes bloques: patrimonio, medio natural, sendeirismo, casco urbano, gastronomía e festas. Desta maneira facilita o acceso á información por parte do visitante ou persoa interesada.

Se ben a páxina está pensada para dar a coñecer os enormes recursos que Redondela posúe en materia de turismo, “adquire unha especial importancia para os sectores da hostalaría e a hospedaxe xa que, a través do portal web, veciñanza e visitantes terán completa información de todos os establecementos que se incorporen á páxina como os datos de contacto necesarios para facer reservas”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

A rexedora local lembra que “estamos nun momento de extraordinaria importancia para o sector da hostalaría e hospedaxe cun crecente número de visitantes que superan xa cifras dos anos anteriores á pandemia”.

Nese contexto, Digna Rivas subliña a importancia “de desenvolver, por parte do Goberno local, todas aquelas iniciativas que contribúan a consolidar e fomentar ese crecemento e para iso, nada mellor que utilizar a potencialidade que nos ofrecen as novas tecnoloxías, cada día máis utilizadas polos visitantes para buscar, precisamente, o que ofrece a páxina nas súas seccións”.