Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

As Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela superan as previsións máis optimistas da organización

Concello de Redondela
12-05-2021
0
As Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela superan as previsións máis optimistas da organización

Ao éxito dos showcooking engádese o que durante a fin de semana tiveron os establecementos hostaleiros que, nalgún caso, levoulles a suspender o servizo a domicilio para poder atender ao servizo no local. As Xornadas Gastronómicas Choco de Redondela que se desenvolven ata o vindeiro domingo día 16 de maio, pecharon o seu primeiro fin de semana cun éxito que superou as previsións máis optimistas das e dos organizadores, tal e como confirmaron ao Concello de Redondela algúns dos establecementos hostaleiros que participan nesta iniciativa.

As Xornadas, organizadas polas concellería de Promoción Económica e Eventos, que xestionan María Castro e Marta Alonso, respectivamente, buscaban dous obxectivos claros. Por unha banda, poñer en valor o choco da baía de San Simón como produto de excelencia gastronómica. Así, coa colaboración da Confraría de Pescadores de Redondela, garántese a calidade do choco e que a súa procedencia sexa, efectivamente, da baía redondelá.

Doutra banda, buscábase devolver o protagonismo á hostalaría local, “un dos sectores máis duramente golpeados durante a crise da COVID-19 e cuxa reactivación é un piar básico para a dinamización comercial do municipio”.

Os dous obxectivos, segundo sinala a Concellería de Promoción Ecoómica, “estánse a cumprir”. Tanto é así, que algúns dos establecementos hostaleiros miráronse na obriga de suspender o servizo a domicilio, que se facía gratuítamente a través da empresa redondelá Roombo, para poder atender ao servizo no propio local.

A maiores o protagonismo do choco como produto de excelencia gastronómica, mirouse reforzado pola celebración de tres showcooking nos que o público puido comprobar e aprender diversas maneira de preparar o choco da man de recoñecidos/as profesionais da gastronomía.

Pucho Barciela e Gilda Pires amosaban o venres como preparar uns espectaculares Chocos guisados e unhas Arepas recheas de choco. Mentres que o sábado era Manuel Conde o que desvelaba os segredos dus bos Chocos á galega e, finalmente, Benigno Campos, cociñeiro de Larpeiros, puña o broche de ouro a esta actividade cuns Chocos con patacas e tirabeques.

Dada a aceptación desta primeira fin de semana e as previsións para a vindeira, a organización como lembran a necesidade de reservar mesa nos establecementos participantes 78 Gastro Bar (986 404 971), Antolín (649576527), Café Bar Os Amigos (986 405 180), Casa Consejo (986 401 194), Casa Mucha (986 404 288), Don Vinarius (986 408 115), Lemos (616 062 347), Meraki (986 458 088), O Xantar de Outelo (986 401 520), Tapería Patri (659 405 116) e Vila Bella (986 404 501).

A alcaldesa Digna Rivas amosou a súa satisfacción polo desenvolvemento desta iniciativa “que tiña a difícil tarefa de ocupar o oco da tradicional Festa do Choco ante a imposibilidade de celebrala no seu formato habitual, dado o seu carácter masivo e de celebración comunitaria”.

Tanto a alcaldesa como a concelleira María Castro, animaron á veciñanza e visitantes “a gozar dunhas xornadas nas que se pode degustar o choco preparado de diferentes xeitos, a cada cal máis sorprendente e apetitoso, e que amosa o altísimo nivel da hostalaría de Redondela”