Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela inaugura as novas Oficinas de Turismo dando comezo a III Xornadas de Muller e Igualdade «Gemma Pereira Otero»

Concello de Redondela
13-03-2023
0
Redondela inaugura as novas Oficinas de Turismo dando comezo a III Xornadas de Muller e Igualdade «Gemma Pereira Otero»

O evento serviu á vez para inaugurar as novas Oficinas de Turismo, situadas na Rúa Isidoro Queimaliños. Alí, amenizouse a velada con petiscos doces, café e música a cargo de Su Garrido Pombo. Rosa Arcos foi a encargada de abrir a charla e dirixir as intervencións das redondelás Manuela Domínguez Rodríguez (Zona Verde Jardinería), Ana Míguez Dacosta (Héroes pola Ciencia), Cinthya Roldán Dosío (Mariñeira) e Celia Couñago (Ultramarinos A de Concha, O Viso). Nas novas Oficinas de Turismo, instalacións que sustitúen o antigo conservatorio de Redondela na Rúa Isidoro Queimaliños, celebrouse a primeira charla-coloquio das III Xornadas de Muller e Igualdade «Gemma Pereira Otero», unha iniciativa que, segundo a alcaldesa Digna Rivas “naceu co obxectivo de ser un foro de debate aberto sobre todos aqueles temas que permitan poñer en valor o papel da muller na sociedade e a súa loita por acadar unha igualdade real como único camiño para conseguir unha sociedade máis xusta”.

Trala a apertura das xornadas, a cargo da alcaldesa de Redondela Digna Rivas e unha introducción musical a cargo de Su Garrido Pombo a Fundadora da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR), Rosa Arcos, dirixiu a Charla-coloquio chamada ‘Emprendemento no Rural’ no que falou da necesidade de visibilizar e poñer en valor o traballo da muller a nivel económico e social, poñendo fincapé nos seus estudos sobre o rural. Tamén falou da importancia de favorecer que “a muller teña un espazo propio no mundo rural”, así como a importancia de “mellorar os servizos e as infraestructuras, porque sen medios non hai futuro no rural”.

   

Despois de Rosa Arcos comezaron as intervencións das mulleres redondelás que a través da súa experiencia aportaron perspectiva a intención do coloquio que, en palabras da rexidora, “non é outro que poñer en valor o traballo da muller no rural e o empoderamento feminino no ámbito no que se desenvolvan”.

Manuela Domínguez Rodríguez comezou a súa empresa Zona Verde Jardinería fai 17 anos, onde encárgase dun traballo que no imaxinario colectivo segue sendo un posto con maior presenza masculina. Ela desbroza, poda e fai lobores manuais pesadas porque o seu traballo de limpeza e saneamento de terreos e camiños así o precisa. Describe os seus comezos como “algo duros pola competencia” e, sobre todo, sinte que “sendo muller notaba algo de diferencia de cara ao público, pero os seus compañeiros de traballo axudaron no proceso”.

Ana Míguez Dacosta defínese como bióloga, divulgadora científica e emprendedora. Agora mesmo é a xerente da empresa ‘Héroes por la ciencia’, na que se encarga da parte administrativa e de xestión dos monitores e monitoras que contrata para os eventos. A súa labor é educativa e divulgativa e leva aos máis cativos e cativas coñecementos científicos a través do xogo. Durante a charla falou da súa experiencia como autónoma e empresaria, sendo un exemplo de éxito e empoderamento.

Cinthya Roldán Dosío é mariñeira de frota de baixura, un traballo no que predomina a presencia masculina. Destaca pola súa curta idade, pero non por iso ten menos experiencia e valía. Na charla falou da importancia de visibilizar a presenza das mulleres no mar, “que son igual de capaces e son moitas as que van embarcadas, pero non se fala tanto delas”. Contou a súa experiencia persoal e anécdotas, así como explicar en que consiste o seu traballo como mariñeira.

Celia Couñago leva toda a vida traballando nos Ultramarinos A de Concha, no Viso. Un lugar de gran importancia para a zona, aberto dende os anos 70 e que ofrece o servizo de taberna tradicional onde a xente reuníase e se discutían cousas importantes da vida da parroquia. Ter unha taberna no rural, como nai e muller traballadora foi algo “bonito e complicado a partes iguais, porque a xente tende a responder mellor ante a presenza dos homes neste tipo de contextos”. O ultramarinos continúa aberto e segue manténdose con éxito, sendo punto de encontro e onde podes atopar productos frescos, servizo de cafetería e comida.

Ao rematar o coloquio o Concello ofreceu un petisco de rosca e café. Su Garrido Pombo foi a encargada de rematar o acto, dando o toque especial e distinto que ten a súa música, con clara intención e expresión feminista. Máis adiante, o 17 de Marzo continúa as III Xornadas Gemma Pereira Otero. Muller e Igualdade co obradoiro “Con forza de Muller” no Multiusos Piñeiral do Crego (Chapela) ás 19:00h.

“Queremos poñer o foco de atención sobre o papel da muller na sociedade e a importancia que ten a igualdade para acadar unha sociedade máis xusta e, polo tanto, máis decente”, salientou Digna Rivas ao remate dunhas xornadas que levan o nome de Gemma Pereira Otero, unha redondelá “posiblemente descoñecida para a maioría da veciñanza, pero que foi unha das primeiras mulleres pioneiras en estudar unha carreira de ciencias e a primeira muller que rexentou unha farmacia en Redondela, un campo ata o momento restrinxido aos homes”, matizou a alcaldesa de Redondela.

“Con ese nome queremos non só dar a coñecer a súa figura, senón perpetuar o seu legado cunhas xornadas que poñan sobre o tapete de debate todos os temas que afectan directamente á muller, visibilizalos e contribuír a construír un camiño igualitario”, concluíu Digna Rivas.