Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Xornadas de limpeza dos rios das parroquias de Chapela e Transmañó

Concello de Redondela
25-09-2019
0
Xornadas de limpeza dos rios das parroquias de Chapela e Transmañó

A limpeza do domingo 29 de setembro será a sexta xornada de limpeza de ríos organizada pola A.V.V. de Chapela. A primeira foi realizada en outubro de 2017; (Catro foron no río Pugariño e as últimas dúas no Fondón). Todas foron convocatorias abertas a toda a cidadanía, salvo unha das limpezas que foi organizada para os cativos dunha escola infantil e as súas familias.

As xornadas de limpeza xurdiron gracias á colaboración espontánea entre veciños particulares, a Asociación de Veciños de Chapela e a Comunidade de Montes de Teis, que sobre todo nas primeiras convocatorias axudou moito con medios persoais e materiais, (grazas ó seu tractor con cable-estante, puidéronse extraer os residuos máis pesados do río, como frigoríficos, lavadoras, fornos de cociña, motocicletas coas súas baterías, etc).

O obxetivo das xornadas é acadar a difusión e a valoración do importante patrimonio natural e etnográfico que temos nas parroquias de Chapela e Transmañó. Todos os que participan quedan abraiados da fermosa paisaxe, pero tamén quedan impactados pola cantidade de lixo que se agocha nos cauces e fragas dos nosos ríos; Pois o que vemos a simple vista é só a punta do iceberg. Ata que non se participa nunha limpeza non se comprende a magnitude do problema.

Outro obxetivo é que todos os veciños participemos na mellora do noso propio entorno, dunha forma ou doutra. Cada vez máis veciños súmanse ás limpezas que a A.V.V. vai convocando, polo que é ilusionante ver que a implicación vai medrando.

Esta vez actuarase no río Fondón, por debaixo da Senda da Auga. Antigamente tirábase o lixo cara abaixo polas ladeiras, sobretodo cando non había recollida, despois algúns poucos o seguiron facendo. Pero agora isto xa non é socialmente aceptado. Temos que darlle visibilidade á degradación destos lugares para evitar que unha minoría siga facendo moito dano; que sepan que hai xente camiñando e vixiando, disposta a denunciar ós que fagan verquidos.

  MAPA DE LOCALIZACIÓN

Fai uns poucos meses a A.V.V. de Chapela xa organizou unha xornada de limpeza neste punto do Fondón. Polo que o lixo máis visible e voluminoso foi retirado e apréciase un cambio moi positivo do lugar, pero queda moito lixo agochado baixo as follas.

Anímate a participar e comproba o gratificante que é colaborar na mellora do noso entorno.

Esta actividade conta coa colaboración da Concellería de Medio Ambiente e a Concellería de Vías e Obras do Concello de Redondela.