Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

A Casa do Concello acolle a presentación do XVII Concurso Fotográfico co Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy

Concello de Redondela
07-09-2022
0
A Casa do Concello acolle a presentación do XVII Concurso Fotográfico co Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy

A alcaldesa, Digna Rivas, subliña a importancia do traballo que desenvolve o Obradoiro “para recuperar, manter e difundir a nosa cultura e patrimonio en todas e cada unha das iniciativas que desenvolven”.

A Casa do Concello de Redondela acolleu na mañá de hoxe o acto de presentación do XVII Concurso Fotográfico que organiza o Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy. No acto, a alcaldesa Digna Rivas estivo acompañada pola concelleira de Cultura, Iria Vilaboa e por membros do Obradoiro.

A alcaldesa subliñou a “extraordinaria importancia” que ten a labor que desenvolve o Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy “de recuperar, manter e difundir a nosa cultura e patrimonio e evitar que caian no esquecemento”. Boa mostra dese traballo, engadiu Digna Rivas, “é este concurso fotográfico que pouco a pouco e pasiño a pasiño, foi quen de consolidarse entre os certames fotográficos de referencia do sur de Galicia” algo que, para a rexedora local redondelá, “non é froito da casualidade senón do esforzo e traballo continuado das e dos compoñentes do Obradoiro de Estudos Locais”.

Esta nova edición do concurso fotográfico, terá aberta a súa inscrición ata o día 2 de novembro do 2022 e, as e os concursantes deberán presentar as fotografías, obrigatoriamente, en formato dixital e impreso. As fotografías en formato dixital poderán enviarse en calquera soporte de almacenamento dixital ou por correo electrónico ao enderezo obradoiro@estudoslocais.org. As fotografías impresas, que non poderán excede de 20x30 cm, deberán ir sobre soporte ríxido de cartón pluma, paspartú ou cartolina.

Os sobres coas fotos poden entregarse tanto persoalmente como por correo ordinario ao enderezo do Círculo Cultural D. de Cesantes,. Estrada de Cesantes, nº 28, 36693 Cesantes, Redondela entre as 15 horas e as 21 horas. Tamén se poden entregar na Farmacia I Muíños de Cesantes e nas tendas de fotografía Cal-3 e S. Bastos de Redondela.

Para garantir o anonimato dos traballos, estes deberán presentarse cun pseudónimo e un título para cada fotografía, acompañando a foto cun sobre pechado, identificado fora co mesmo pseudónimo, no que se incluirán os datos persoais do autor ou autora (Nome e apelidos, pseudónimo, DNI, data de nacemento, enderezo, correo electrónico, teléfono de contacto, título da obra e breve reseña e lugar onde foi tomada a foto.

Establécense dúas categorías: xuvenil (ata 17 anos) e adultos e o certame repartirá un total de 775 € en premios cun premio á mellor fotografía de 250 €. Para a categoría de Adultos establécese un primeiro premio de 150 euros, un segundo de 125 e un terceiro premio de 100 euros. Para a categoría xuvenil o primeiro premio será de 100 euros e o segundo de 50 euros. Os premios non poderán ser declarados desertos e a mesma persoa non poderá ser motivo de máis dun deles.

Finalmente, as fotos premiadas serán elixidas a mediados de novembro do 2022 e o fallo do xurado colgarase na web e no Facebook do Obradoiro de Estudos Locais para as súas consultas. Posteriormente, as e os galardoados serán avisados con suficiente antelación para asistir ao acto de entrega de premios organizado a tal efecto polo Obradoiro.

  BASES DO CONCURSO