Preguntas e Respostas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.
  • Construír unha pista de patinaxe e bicicletas en varias parroquias, así como unha pista de pádel, unha piscina, un campo de fútbol, carrísbicis

PATINAXE: O patinaxe é un dos deportes que está a experimentar nos últimos anos un crecemento importante, e está sendo unha das nosas prioridades facilitándolle unhas instalacións de primeiro nivel así como franxas horarias acordes ao seu crecemento de licenzas

PÁDEL: Como ben sabedes, vense de inaugurar recentemente catro canchas de pádel no Concello de Redondela, na contorna do Complexo Municipal de Santa Mariña. A nosa intención é dotar tamén a Chapela con este tipo de instalacións

PISCINA: Nestes momentos o Concello de Redondela conta con dúas piscinas municipais (Redondela e Chapela), polo que entendemos que os cidadáns do concello teñen cuberto este servizo.

CAMPOS DE FÚTBOL: Nestes momentos estamos a tratar de dotar de céspede artificial ao Campo do Viso en Cesantes. O campo de fútbol de Trasmañó está dende hai anos sen uso na especialidade de fútbol, pero si acolle diferentes probas de motor. Aínda así, non é unha instalación municipal.

CARRILBICI: Esta é unha demanda moi importante para a nosa Vila pero que pola configuración da nosa contorna non ten unha solución sinxela. Aínda así estamos traballando con ánimo de darlle resposta e que pronto sexa unha realidade.

Na actualidade, temos a senda da auga cunha extensión importante e que está sendo moi frecuentada por afeccionados ás bicicletas.

  • Máis apoio aos deportes minoritarios

Consideramos que a Concellería de Deportes xa está a apoiar todos os deportes por igual, no que se refire ás achegas económicas (subvencións) ou uso de instalacións e sempre en termos de proporcionalidade.

O noso esforzo vai encamiñado a dotar de bos recursos aos deportes que xa existen, para que deste xeito tivéramos posibilidade de introducir outros novos como, por exemplo, o bádminton, judo...

Queremos potenciar tamén os deportes na rúa e seguiremos nesta liña nos próximos anos e proximamente, ao carón do Pavillón Municipal da Marisma, construirase un SkatePark.

O rocódromo tamén é unha actuación que esta dentro dos proxectos a realizar.

 

  • Rexenerar instalacións de Chapela para locais de lecer e encontro da xuventude

Estamos totalmente de acordo. Se está barallando a posibilidade de que a antiga estación de tren e con o desenvolvemento da Vía Verde se poida localizar un centro social para a mocidade.

  • Espazo onde xogar a videoxogos e ter competicións

Entendemos que este tipo de entretemento é moi popular. Terase en conta a vosa suxestión.

 

  • Reformas e melloras en varios centros educativos

As reformas dos colexios (salvo as de mantemento) correspóndenlle á Xunta de Galicia, a cal solicítallo o mesmo centro, aínda que dende o concello tamén lle facemos chegar esas necesidades.

Falando dun centro en concreto, este ano, no colexio de Quintela está previsto a construción dun comedor escolar e da renovación completa da cuberta.

  • Trasmañó, abandono do antigo colexio

O concello vai elaborar un proxecto de reforma e acondicionamento deste colexio. Estamos abertos a suxestións para posibles destinos do mesmo.

 

  • Parques para maiores en Quintela

En Quintela, dende hai uns meses, xa temos un parque de biosaudables para maiores colocado no entorno do falso túnel do AVE no que foi a Vía Vella.

  • Melloras dos parques de Chapela

Os parques de Chapela vanse reformando pouco a pouco para cumprir coa normativa e homologación. As cambras do parque da alameda trataron de solucionarse cunha manta que se talou baixo o céspede artificial, polo que seguimos nesa liña de renovación dos mesmos.

  • Beirarrúas en Trasmañó e Chapela

Tratamos de que as zonas de moito tránsito de peóns estean dotadas de beirarrúas pero non sempre é posible xa que o ancho da estrada non o permite.

  • Mantemento da contorna do Multiúsos de Chapela

Temos pendente de mellorar a zona cun proxecto que complemente o que se vai facer na zona de ampliación da autoestrada. Nese proxecto tense previsto mellorar a seguridade viaria e a instalación dun parque infantil máis moderno.

  • Anchear as rúas ao colexio de Quintela

Moitas veces é moi difícil poder anchear as rúas xa que se necesita a colaboración dos veciños que cedan terreos. No caso do Colexio de Quintela, é certo que se necesita unha mellora de accesos. Seguiremos intentando unha solución.

  • Parada de autobuses en Trasmañó

Estamos en pleno debate sobre transporte público. Dende a concellería de interior, e coa colaboración dos veciños, vanse revisar todas as rutas para que o transporte sexa máis eficiente

  • Poñer fontes nas rúas

Non estamos poñendo fontes novas pero estamos rehabilitando moitas das existentes.

 

  • Os parques de chapela teñen zonas sucias e con botellas

A limpeza dos espazos públicos é cousa de todos e temos que colaborar en manter limpo o noso concello.

Sobre as preguntas de limpeza de parques e rúas de Chapela, dicir que actualmente se limpan diariamente as rúas principais, paseo de Arealonga e parques infantís e si puntualmente hai necesidade de reforzar o servizo, tómanse as medidas oportunas.

 

  • Construcción dunha biblioteca na parroquia de Quintela

En Quintela, coma en calquera outra parroquia, sempre é boa idea ter unha biblioteca pública, que habitualmente se atopan nos locais dos centros culturais. Como en Quintela non temos aínda un centro cultural, primeiro será entón pensar de ter un onde, ademais da biblioteca, se poidan facer outras moitas actividades.

Xa se está a estudar polo Goberno local de Redondela como facer para que Quintela poida ter ese centro social e cultural.

  • Cine nos Multiúsos axeitado e a prezos reducidos

É certo que dende que pechou a sala de cine de Redondela fai xa uns anos, a oferta non existe, a non ser que nos movamos cara a outras localidades.

Dende o concello se programan habitualmente sesións de cinema de balde, tanto no Multiúsos de Redondela, coma no de Chapela, como tamén na propia alameda.

Tomamos nota para que no futuro se intente programar para idades un pouco maiores.

  • Concertos para Adolescentes

En Redondela hai concertos para todas as idades, ao longo do ano, dende as festas da Coca coa sesión rock até nas noites de verán, ou no aínda novo festival Sonoaire, que o ano pasado trouxo a Redondela seis grupos novos con músicas para a mocidade. Apúntase que ese é o camiño e trataremos de seguir programando grupos que gusten á xente nova.

  • Clases de Teatro

Fai uns anos o concello tiña programada unha actividade de dinamización das parroquias a través do teatro, que se chegou a facer en varias delas. É unha proposta interesante que si hai demanda, reactivarase.

  • Biblioteca pública con máis libros para a nosa idade

Todos os anos é prioritario, como dicía antes, facer as campañas de animación á lectura, e para iso mercamos moitos libros axeitados ás idades de xente nova, dende os máis pequechos ata os mozos e mozas de secundaria. Hai banda deseñada en galego, coleccións, novelas e outros moitos que aumentan cada ano e por ese camiño é por onde as bibliotecas teñen que ir.

 

  • Proxección de documentais con temática da saúde, charlas sobre hábitos saudables 

No tema de charlas xa fixemos un ciclo o primeiro trimestre sobre temas relacionados coa reciclaxe e outras cuestións. 

Estamos preparando outro ciclo con temas relacionados de hábitos saudables con aforro e usos de auga e algún outro relacionado co medio natural.

Ademais dende a Concellería de Ensino están a organizar cos centros educativos obradoiros deste tipo.

  • Vías de tren oxidadas e sucias, hai moitas silveiras onde hai ratas e graffitis, Chapela

Toda esa zona vaise recuperar para pasear a pé, en bicicleta e  para goce de todos coa nova vía Verde

  • En Trasmañó non pasa o camión do lixo, e non hai colectores para reciclaxe. No acceso ao banco e o Campo da Rata están cheos de lixo

En Trasmañó hai colectores de reciclaxe na parte alta, na Lamosa, pasando a ponte que cruza a autoestrada e noutras zonas onde é posible realizar este servizo. Non obstante, estamos abertos a suxestións ao respecto.

  • Crear en Chapela una zona verde e outra zona verde pechada para levar aos cans de paseo

Temos en proxecto crear unha zona verde na zona das Catro Pontes, por onde baixa o río Pugariño, así como outra pola zona do río Cidadelle (zona baixa da finca da Ginaria)

O parque dos cans xa se propuxo nun consello parroquial pero acordouse que non era prioritario e tampouco se atopou un lugar axeitado para tal fin.

  • Limpar a praia de Arealonga

A praia de Arealonga límpase, o igual que as demais praias, durante a tempada de verán, que é cando temos persoal para tal fin. En Arealonga límpase tamén para o enterro de Berete e cando os temporais deixan moreas de lixo e algas...

  • Arranxar a zona da praia de Cesantes no peirao

Faremos unha limpeza e acondicionado intensivo desta praia en canto empece o persoal de limpeza de praias

 

  • Que os semáforos soen como paxaros (Chapela)

Magnífica suxestión na que xa estábamos traballando. Imos incorporar esta ou outra tecnoloxía similar en todos os semáforos do concello para dotar de accesibilidade aos invidentes.

  •  Que as rúas indiquen camiños seguros para ir ao colexio Igrexa: 

Implantarase ao redor do novo colexio unha zona máis accesible e segura para todos.

  • Entorno Alexandre Bóveda, poucos aparcamentos e os coches aparcan mal, reforzo policía local:

Para solucionar este problema é imprescindible a colaboración das familias do alumnado.

Propoñemos deseñar entre o concello e a comunidade escolar do centro un plan a seguir para mellorar este aspecto.

  • Perigo ao cruzar de Río Frío a Angorén: 

Está solicitado ao Ministerio de Fomento un paso de peóns regulado cun semáforo.

  • No acceso ao banco e o Campo da Rata en Trasmañó os coches aparcan mal

A zona depende dunha comunidade de montes e non hai ningún aparcamento delimitado. Tomamos nota para atopar unha solución

  • Trasmañó liña de trasporte que conecte con Chapela

Está en estudo unha reorganización e mellora do transporte público entre as diferentes parroquias do municipio e co centro urbano de Chapela e Redondela.

  • Extremar a vixilancia nos arredores do banco de Cedeira

Intensificaremos o control  na medida do posible.

 

  • Que se poidan pintar as fachadas de edificios, converténdose en lenzos, apoiando a outros tipos de expresión artística  

Recollemos isto como unha boa idea. Dende o Obradoiro de Emprego xa comezamos a  facer  nos espazos públicos decoración con expresión artística a través dos Graffitis, como por exemplo o parque de Redondela, o piar da ponte, o transformador... Tamén se pode contemplar para os donos de edificios que teñan as fachadas en mal estado, mediante unha comunicación previa poderán solicitar ao concello autorización definindo o tipo de pintura e o deseño do debuxo, e dende Urbanismo estudarán a súa viabilidade.

  • Que os edificios municipais se comuniquen con pictogramas  

Nestes intres de xeito coordinado entre a Concellaría de Benestar Social e a de Emprego estase a levar a cabo, xunto a ONG  Aspavi, un estudo moi detallado da situación na que se atopan todos os edificios municipais, tanto na parte de accesibilidade coma na de visualización da información que indica os distintos departamentos, espazos e como se accede a eles. Dende o Obradoiro de Emprego na especialidade de deseño gráfico están a traballar no seu deseño despois dos estudos feitos por Aspavi. Moi pronto contaremos con pictogramas nos edificios municipais. Grazas pola suxestión.

  • Mellor accesibilidade en Chapela  

Dende o concello somos conscientes de que temos un largo camiño para que Redondela sexa accesible ao 100%, estamos traballando nun estudo de mellora da Accesibilidade para as parroquias de Redondela, Chapela e Cesantes.

Nunha primeira fase estase a levar xunto con expertos un estudo das necesidades, onde o que buscamos é saber de forma detallada como se atopan as nosas rúas e os edificios municipais que se atopan nestas tres parroquias para logo comezar as actuacións por orden de prioridades.