Neste mes de novembro, as bibliotecas municipais temos unha das actividades máis singulares nesta homenaxe a Xela Arias que estamos a facer durante todo o ano. Desta vez, achegándonos ao 1 de novembro, data en que se celebra o 18 aniversario do pasamento da escritora, temos reservada unha actividade que nos fai moita ilusión.
O venres 5 de novembro contaxiarémonos da Xela rockeira e contestataria, inmersa na “movida”, e traeremos a música do grupo vigués Desertores, tan próximos á biografía da nosa escritora.
Xela compuso a letra de 12 temas da discografía desta banda viguesa, e estes 12 temas veñen de ser gravados de novo en estudo, actualizados, e serán publicados coas letras das propias cancións pola editora Xerais, na que Xela traballou dende moi nova. Faranse en edición bilingüe galego-castelán.
O venres 5 de novembro, ás 20:00 h, no auditorio do Multiúsos de Chapela preséntase o libro-disco “Cancións”, por parte da antedita editorial, e escoitaremos todo un recital rockeiro ofrecido pola banda viguesa.
A actividade é de balde, pero precísase recoller invitación. Estas poderán retirarse nos Multiúsos de Redondela e mais de Chapela.
Nas bibliotecas municipais de Redondela sumámonos así á reivindicación e á campaña dos nosos compañeiros de Normalización Lingüística, pois tamén consideramos que as Letras Galegas, sobre todo neste ano, non se festexan só o 17 de maio.
As Letras Galegas 2021, en homenaxe á nosa benquerida poeta Xela, merecen facer moitos actos e actividades máis.