Un total de 70 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos de idade participan durante as vacacións escolares nas actividades organizadas pola Concellería de Servizos Sociais. Os obradoiros, que se realizan no Conservatorio de Redondela (50 participantes) e no multiúsos de Chapela (20 participantes), comezaron onte luns e prolongaranse ata o día 21, Luns de Pascua.
A rapazada, por grupos de idade, pode gozar estes días con obradoiros de teatro, plástica, xincanas, xogos con música e baile, e outras sorpresas. Ademais de divertirse, nenos e nenas están a aprender sobre o patrimonio cultural e natural, a diversidade, a igualdade e o traballo en equipo.
A alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Iria Vilaboa, achegáronse esta mañá ao obradoiro que se está a realizar no multiúsos do Piñeiral, en Chapela. Vilaboa explica que con esta iniciativa ofrece ás familias durante as vacacións escolares “un tempo de lecer para nenos e nenas divertido, que lles permite compartir xogos con toda a rapazada e aprender de xeito lúdico”. A rexedora local sinala que estas actividades responden ao compromiso do goberno local coas familias “poñendo en marcha iniciativas durante todo o ano cunha oferta didáctica e lúdica coa que cubrir as vacacións escolares da rapazada”.