-O Concello de Redondela reafirma a súa aposta pola diversidade o próximo 28 de xuño coa creación dun gran mural en Chapela e unha festa Holi en Redondela
O Concello de Redondela reafirma a súa aposta pola diversidade cunha xornada de actividades que se celebrará o próximo venres, 28 de xuño, co gallo da conmemoración do Día do Orgullo LGTBIQ+. A concellería de Igualdade, que dirixe Iria Vilaboa, comezará as actividades ás 11.00 en Chapela, na Senda Verde, coa creación dun novo mural a cargo da artista gráfica redondelá Paula Amoedo. O novo deseño, no que participará mocidade do grupo “Axentes do cambio”, plasmará “o orgullo da cidadanía redondelá por unha sociedade diversa e tolerante” sinala Vilaboa.
As 20:00 na pista da Xunqueira celebrarase a festa Holi e un taller de maquillaxe. É a primeira vez que Redondela acolle unha festa destas características, “unha celebración de orixe hindú onde se mesturan todas as castes en harmonía, unha festa das cores que celebra as diferenzas das persoas e tamén a súa unión”, explica Iria Vilaboa. Utilizaranse todas as cores do arco da vella, con pos biodegradables e hipoalerxénicos. Serán dúas horas de música, xogos e cor, cun DJ que amenizará a festa con música. Haberá tamén un taller de maquillaxe nunha carpa con monitores para que todas as persoas que asistan á festa Holi poidan maquillarse en calquera momento da actividade “e dar así máis luz e cor a esta celebración”, apunta a concelleira.
A alcaldesa, Digna Rivas, lembra que Redondela sempre apostou “pola diversidade, a tolerancia e a igualdade de dereitos, e con esta festa queremos celebrar a diferenza”. Insiste Rivas no convencemento de que “só co respecto e a tolerancia poderemos alcanzar unha sociedade máis xusta e igualitaria”.
O Concello de Redondela anima a veciñanza a sentir o orgullo de vivir nun dos municipios que máis respectan os dereitos das persoas LGTBIQ+, que apoia ás asociacións e colectivos minoritarios e que conta con bancos arco iris nas parroquias, bancos coa bandeira trans en colexios e institutos, ademais da gran bandeira no lateral do Multiusos da Xunqueira e grafitis coas cores LGTBIQ+ tanto en Chapela como en Redondela.