Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

Redondela firma un convenio pioneiro cos taxis para o transporte do alumnado que non dispón de autobús escolar

– O Concello de Redondela asume o traslado aos institutos do alumnado de ensino non obrigatorio que non ten praza no autobús escolar. Faino a través dun convenio pioneiro asinado coa Asociación Radio Taxi Redondela e a Unión Sindical de Autónomos do Taxi de Redondela, que farán o traslado do alumnado das parroquias aos seus respectivos institutos. O servizo comezou xa a funcionar.
– A alcaldesa, Digna Rivas, explicou que o goberno local “decidiu asumir este servizo por responsabilidade, malia ser competencia exclusiva da Xunta de Galicia, ante a dificultade de moitas familias para levar aos seus fillos aos institutos”.
– O goberno local de Redondela “seguirá demandando ante as Consellerías de Ensino e Mobilidade unha solución ás necesidades de transporte escolar do alumnado de Redondela, xa que se trata dunha competencia exclusiva da Xunta de Galicia” afirma Rivas.

O Goberno municipal de Redondela onte co sector do taxi un convenio para dar solución ao transporte escolar. Con este acordo pioneiro o Concello de Redondela dá reposta á necesidade de ducias de alumnos e alumnas de bacharelato que residen nas parroquias do municipio e que non dispoñen de transporte escolar para desprazarse ao instituto. A alcaldesa, Digna Rivas, explicou que o goberno local “decidiu asumir este servizo por responsabilidade, malia ser competencia exclusiva da Xunta de Galicia, ante a dificultade de moitas familias para levar aos seus fillos aos institutos”. No acto a rexedora salientou que “é un acordo pioneiro, único na provincia, e que o Concello de Redondela asume por responsabilidade”.

O convenio asinouse no Concello de Redondela entre a alcaldesa e os representantes da Unión Sindical de Autónomos do Taxi de Redondela , Manuel Giráldez, e da Asociación Radio Taxi Redondela, Juan Carlos Puga. Tamén participaron no acto os concelleiros de Interior, Rita Pérez, e o de Ensino, Iván Valles. Os taxis farán o traslado do alumnado aos institutos desde as mesmas paradas do transporte escolar de Cesantes, Quintela, Vilar, Porto Cabeiro, Reboreda e Ventosela. Os taxis farán o traxecto de ida e volta ofrecendo un servizo pioneiro na provincia do que se beneficiarán uns 50 alumnos e alumnas dos IES Pedro Floriani e Mendiño. Unha vez asinado o convenio, o servizo comezou xa a funcionar. Na sinatura do convenio Digna Rivas quixo agradecer tamén ao sector do taxi de Redondela “a súa boa disposición e facilidades para chegar a este acordo”.

A alcaldesa sinalou que “ante a falta de resposta por parte da Xunta de Galicia o goberno local de Redondela fai este esforzo para que ningún rapaz ou rapaza de Bacharelato quede sen transporte gratuíto aos seus institutos”. Engade a rexedora que “o transporte escolar é un dereito do alumnado que garante a igualdade de oportunidades para acceder ao ensino con independencia do seu lugar de residencia, e desde o Concello asumimos ese compromiso”.

Reunións coa Xunta de Galicia para esixir solucións ao transporte escolar

A alcaldesa Digna Rivas e o concelleiro de Ensino, Iván Valles, reuníronse nos últimos meses en varias ocasións cos responsables da Xunta de Galicia para tratar de darlle unha solución á falta de transporte escolar para ducias de alumnos e alumnas de Bacharelato. A alcaldesa tamén explica que “se enviou á Xunta de Galicia toda a información que nos solicitaron para dar resposta ao transporte escolar do municipio”. O Concello está á espera de que a Xunta lle faga chegar unha proposta para establecer liñas de autobús nas parroquias a través dun Servizo de Interese Municipal (SIMU) cun convenio entre a administración local e autonómica. “Para dar unha solución ás familias neste inicio de curso, desde o Concello ponse en marcha o servizo con taxis como alternativa”, sinala a alcaldesa.

Compartir