Concello de Redondela

Renovada a estrada de Outeiro de Reboreda

– O concelleiro de Infraestruturas, Roberto Villar, amosouse satisfeito co resultado desta intervención “moi necesaria para renovar todo o pavimento e mellorar a drenaxe”. A nova rede de recollida de pluviais evita a acumulación de auga nas épocas de chuvia “que ten provocado inundacións nalgunhas vivendas e garaxes”.
– Villar adiantou que no segundo trimestre deste ano estará redactado o proxecto para a renovación do Camiño do Casal. O seguinte tramo dará continuidade á obra agora rematada e solucionará tamén o problema que as augas pluviais provocan na zona.

A estrada de Outeiro de Reboreda loce totalmente renovada unha vez rematados os traballos de pavimentación e mellora. A concellería de Infraestruturas e Sostibilidade do Concello de Redondela realizou as obras, que ascenderon a máis de 165.000 euros. O concelleiro Infraestruturas, Roberto Villar, e o de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, visitaron esta mañá a zona para supervisar o acabado da reformabreve. Villar explicou se trataba dunha intervención “moi necesaria” para renovar todo o pavimento da estrada e mellorar a drenaxe, cunha nova rede de recollida de pluviais “que evita a acumulación de auga nas épocas de chuvia que ten provocado inundacións nalgunhas vivendas e garaxes”. Esta estrada, cunha lonxitude de 1.147 metros, comunica varios núcleos de poboación da parroquia. As obras supoñen tamén unha mellora para a seguridade viaria tanto dos vehículos como dos peóns.

Villar adiantou que no segundo trimestre deste ano estará redactado o proxecto para a renovación do Camiño do Casal, que conflúe coa estrada de Outeiro. O edil explica que deste xeito continuarase coas melloras na recollida das augas pluviais que ocasionan problemas de asolagamentos na zona.

Desde a concellería de Infraestruturas e Sostibilidade estudan tamén a posibilidade de renovar un tramo da recollida de augas que discorren cara a área recreativa da Moucheira. Villar reuniuse xa cos veciños e comprometeuse a estudar este verán unha solución.

En Outeiro de Reboreda as obras permitiron a renovación de toda a estrada, cunha superficie aproximada de 6.715 metros cadrados. A obra financiouse a través do Plan Máis Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra.

Compartir