O Plan Xeral de Ordenación Municipal de Redondela está na recta final da súa exposición pública. O prazo, que comezou hai tres meses, remata hoxe, 21 de xuño. A oficina técnica de información atendeu a 1.416 veciños e veciñas que puideron facer as súas consultas e recibir asesoramento.
O concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, sinala que o Plan Xeral de Ordenación Municipal é un documento moi complexo, por iso desde o goberno local fíxose un gran esforzo “para poñer a disposición da veciñanza todos os recursos posibles e que coñezan o plan, que teñan toda a información e poidan facer as súas alegacións”. Co obxectivo de mellorar a información á veciñanza, desde o actual goberno de Digna Rivas “ampliamos a tres meses o prazo de exposición pública que é o máximo que nos permite a Lei do Solo de Galicia, e fixemos un novo contrato para atender ao público na oficina técnica todos os días da semana”.
Outra mellora foi a contratación dun visor dixital na páxina web do Concello, onde se poden buscar as parcelas de todo o municipio “dun xeito cómodo e cun funcionamento sinxelo e intuitivo”. Cumprindo co compromiso da alcaldesa, Digna Rivas, tamén se realizaron reunións informativas en todas as parroquias, “para informar aos veciños de como o PXOM afecta a cada parroquia”.
Por outra banda, Cabaleiro sinala que o goberno local e el mesmo como edil de Urbanismo reuníronse con todos os colectivos e asociacións que así llo solicitaron.
Solo Industrial
O edil de Urbanismo explica que o planeamento urbanístico está condicionado ás directrices que establece a Xunta de Galicia na Lei do Solo. Tamén as propias características do municipio limitan o uso do territorio. Redondela presenta un orografía moi irregular, con alternancia de elevacións e depresións do terreo, “o que condiciona o seu desenvolvemento”. Outra particularidade de Redondela é que ten afeccións de numerosas infraestruturas: a Autoestrada do Atlántico (AP-9), as estradas N-550, N-552 e N-555, o aeroporto de Peinador e as liñas de ferrocarril. Todos estes condicionantes “cunha orografía complexa e as afeccións de múltiples infraestruturas impiden establecer grandes áreas industriais no municipio”, conclúe Antonio Cabaleiro.