Concello de Redondela

A programación de Nadal chega ás parroquias con espectáculos de música e teatro en galego

– O II Ciclo Infantil Interparroquial “Queremos galego” celebrarase do 22 de decembro ao 4 de xaneiro cun total de nove funcións en diferentes localizacións do municipio. Entre os artistas participantes estarán Brais das Hortas, Ártika Teatro, Pakolas, Animar-T, Peter Punk e Os Bolechas, entre outros.
– A programación de Nadal do Concello de Redondela complétase cos Festivais de Panxoliñas, a visita de Papá Noel, Festas de pre Fin de Ano Infantís en Redondela e Chapela, ademais das tradicionais Cabalgatas e as Rondallas e Ranchos de Reis.
– O acendido das luces de Nadal será hoxe xoves. A partir das 19.00 horas as rúas do centro da vila acollerán o espectáculo “Meninas”, da compañía Yera Teatro con marionetas xigantes. As luces prenderanse ás 20.00 horas na praza do Concello.

A programación de Nadal do Concello de Redondela esténdese ás parroquias co II Ciclo Infantil Interparroquial “Queremos galego”. A concelleira de Cultura, Rita Pérez Táboas, explica que se trata de actividades musicais e teatrais en galego para o público infantil e familiar. Desde o Concello o obxectivo é “achegar ás parroquias actividades culturais de calidade e en galego ao longo das vacacións escolares de Nadal”. A primeira das actuacións deste programa será con Brais das Hortas, o 22 de decembro ás 18.00 horas no Centro Cultural de Vilar de Infesta. O artista ofrecerá o espectáculo “Consertasso a horta”. En Cesantes estará a tradicional figura do Nadal galego, o Apalpador, no Centro Cultural o día 23 de decembro ás 18.00 hora. Toda a marcha e a diversión do espectáculo musical “A Bailar no Nadal” de Animar-T chegará ao Multiúsos de Chapela o 27 de decembro ás 18.00 horas. A San Estevo de Negros a programación chegará o 28 de decembro co espectáculo “A xogar cos trasnos do Nadal”, ás 18.00 horas no Centro Cultural da parroquia. O domingo 29 de decembro a cita é en Redondela, no auditorio da Xunqueira, con Ártika Cía e o seu teatro musical “Pum, pum, quen hai? Ás 18.00 horas. No Centro Cultural de Reboreda o espectáculo será “Os Ourizos, o musical”, o día 30 de decembro ás 18.00 horas. Xa no novo ano 2025 o II Ciclo Infantil Interparroquial continuará na Sociedade Cultural do Viso o 2 de xaneiro co coñecido artista musical Pakolas e o seu espectáculo “As máis molonas”. Será ás 18.00 horas. O 3 de xaneiro o protagonista será Peter Punk, que estará no Centro Cultural de Cedeira ás 18.30 co espectáculo cómico e musical “Chungo que te cagas”. A programación deste ciclo rematará o 4 de xaneiro cunha das familias máis coñecidas de Galicia, “Os Bolechas” que estarán o auditorio da Xunqueira ás 18.30 co espectáculo “Cantares de Reis”.

A programación de Nadal complétase con Festivais de Panxoliñas e Canto Tradicional os días 21 e 22 de decembro, a Papanoelada Moteira o día 15, as visitas de Papá Noel e as festas pre fin de ano infantís, entre outras moitas actividades.

Visita de Papá Noel a Redondela e Chapela

Do 17 ao 24 de decembro nenas e nenos poderán visitar a Casa de Papá Noel que, como en anos anteriores, quedará instalada na Alameda Castelao. Os horarios de visita serán de 17 h a 19:30 todos os días, agás o día 24 que será en horario será de mañá, de 11 h a 14 horas. Papá Noel tamén se instalará en Chapela, na alameda Rosalía de Castro os días 18, 19 e 23 de decembro en horario de 17.00 a 20.00 horas, e o día 24 de 10.30 a 14.00 horas.

Videochamadas e videosaúdos cos Reis Magos e Papá Noel

Os nenos e nenas que o desexen poderán contactar tamén con Papá Noel e os Magos de Oriente a través das novas tecnoloxías. Poderán facelo cunha reserva na páxina www.barafundaanimacion.com co código REDONDELA. A partir do 12 de decembro tamén se poderá entrar en www.nadalredondela.com para saudar a Papá Noel.

Festas Pre Fin de ano infantís en Redondela e Chapela

Redondela despide o ano por anticipado e por partida dobre con dúas festas para o público infantil e familiar. A Praza da Constitución en Redondela será escenario, o día 31 de decembro, dunha Festa Infantil con Paco Nogueiras. O creador de espectáculos como “Brinca Vai”, ou “Radio Bule Bule” estará en Redondela co seu último traballo “Son Animal” para despedir o ano com moito ritmo. Será ás 11.30 e en caso de choiva a festa desprazarase ao Multiúsos da Xunqueira. En Chapela a Festa Pre Fin de Ano infantil será na Alameda Rosalía de Castro tamén o 31 de decembro. A Disco Móbil de Nadal porá a bailar a todos con divertidos xogos musicais. Será ás 12.00 horas, en caso de choiva a actividade realizarase no Multiúsos de Chapela.

As cabalgatas de Reis celebraranse como é habitual en Redondela e Chapela o día 5 de xaneiro, e o día 6 a vila vivirá un dos días máis grandes do ano coas tradicionais Rondallas e os Ranchos de Reis.

Compartir