Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

A segunda fase da Senda Verde de Chapela bota a andar

– O proxecto licitarase a finais do mes de setembro. A segunda parte da senda arranca nas inmediacións do novo Skatepark e continuará en dirección a Redondela cunha nova superficie de 2.300 metros cadrados para uso público. Contará cunha praza que comunicará os dous tramos do camiño Real Angorén, que na actualidade están separados pola vía.
– A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que deste xeito “o goberno local cumpre co compromiso de dar continuidade á Senda Verde de Chapela, inaugurada no anterior mandato, e que é moi transitada pola veciñanza. Trátase dun paso máis no noso empeño por dar prioridade aos peóns e crear espazos saudables”.
O Concello de Redondela dará continuidade á Senda Verde de Chapela para transformar a antiga vía férrea en desuso nun novo espazo público de lecer. Esta segunda fase, que se conecta co tramo inaugurado no anterior mandato, licitarase a finais do mes de setembro. A segunda parte da senda arranca nas inmediacións do novo Skatepark, inaugurado a finais do ano pasado, e continuará en dirección a Redondela. O proxecto vai transformar esta céntrica zona da parroquia de Chapela cunha nova superficie de 2.300 metros cadrados para uso público. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que deste xeito “o goberno local cumpre co compromiso de dar continuidade á Senda Verde de Chapela, inaugurada no anterior mandato hai case tres anos, e que é moi transitada pola veciñanza”. O novo tramo, ao igual que a senda que une o antigo apeadoiro con Vigo, transformará o trazado ferroviario que está en desuso. Na zona crearase “un espazo dinámico para fomentar a vida saudable no que a veciñanza poida gozar dun paseo por un medio natural lonxe do tráfico, e tamén mellorará a conexión coas rúas da contorna”. A segunda fase “contará cunha praza que comunicará os dous tramos do camiño Real Angorén, que na actualidade están separados pola vía”. Crearase así un lugar de esparexemento, deporte e vida saudable, tanto para usos lúdicos como deportivos. “Trátase dun paso máis no empeño deste goberno por dar prioridade aos peóns e crear espazos saudables”, sinala Rivas.

O deseño será similar ao da primeira fase da senda, e nos puntos nos que o percorrido ten acceso dende as rúas perimetrais crearanse pequenas prazas con bancos que servirán como zona de descanso e de encontro para a veciñanza. Ao final do trazado colocarase unha pérgola que ofrecerá sombra nos días de sol. O proxecto ten un orzamento de 315.553,86 euros e un prazo de execución de seis meses. O financiamento corre a cargo do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra.

Novos espazos públicos en Chapela

Este novo proxecto, que será unha realidade en 2025, súmase a outras melloras que vén experimentado a parroquia de Chapela nos últimos anos. A primeira fase da Senda Verde, que conecta o antigo apeadoiro de Chapela con Vigo, inaugurouse a finais de 2021. Os traballos que contaron cun investimento de 778.000 euros. Anexo a esta senda construíse o Skatpark, un recinto moi demandado pola mocidade que está en funcionamento desde decembro do ano pasado. Esta pista de deportes urbanos, valorada como unha das mellores da área metropolitana, supuxo un investimento de 357.894 euros. Tamén en novembro do pasado ano se remodelou o espazo do Campito, cunhas obras de mellora que supuxeron un investimento de 287.507 euros. “En total, os investimentos nesta zona da parroquia superan a cifra de 1.738.000 euros nos últimos tres anos con proxectos que serviron para mellorar e crear novos espazos públicos que melloran a calidade de vida da cidadanía”, conclúe Rivas.

Compartir