Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

Medio Ambiente

A área de Medio Ambiente do Concello de Redondela encárgase de xestionar a infraestrutura verde municipal e a protección e conservación do medio ambiente urbano.

Contacta

– As actuacións que se levarán a cabo serán, por unha banda, a elaboración dun censo sobre a biodiversidade da zona e, por outra, a eliminación de especies exóticas invasoras como a “margarida africana”. Tamén se elaborará unha guía, en formato dixital, que permitirá poñer en valor a riqueza natural da enseada.
– A alcaldesa Redondela, Digna Rivas, recibiu en Cesantes á Directora de Políticas Turísticas da Secretaría de Estado Ana Muñoz Llabrés, que visitou o litoral redondelán para coñecer a zona onde se levarán a cabo os traballos de rexeneración ambiental.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, recibiu hoxe en Cesantes unha delegación da Secretaría de Estado de Turismo e da Axencia de Turismo de Galicia para realizar unha visita de campo no marco da xornada técnica dos Plans de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD). O proxecto que se porá en marcha en Redondela ao abeiro deste programa de axudas consistirá na rexeneración e mellora dos ecosistemas dunares, intermareais e do esteiro da enseada de San Simón. Os traballos buscan mitigar os efectos do cambio climático. A bióloga Ana Vázquez, responsable do proxecto, explicou que as actuacións que se levarán a cabo serán por unha banda a elaboración dun censo sobre a biodiversidade da zona, con multitude de aves, e por outra a eliminación de especies exóticas invasoras como a “margarida africana” e tamén os residuos sólidos urbanos. Tamén se elaborará unha guía, en formato dixital, que permitirá dar a coñecer a riqueza natural e a biodiversidade deste espazo de especial protección ambiental incluído na Rede Natura 2000. A alcaldesa, Digna Rivas, sinalou que a enseada de San Simón “é unha xoia natural coa que conta Redondela á que hai que coidar e preservar, e este proxecto responde a este fin”. A Directora de Políticas Turísticas da Secretaría de Estado Ana Muñoz Llabrés amosouse “moi satisfeita por poder ver no terreo o que significa recuperar espazos naturais non só para o turismo, senón tamén para os propios residentes».

Este proxecto, financiado con máis de 18.000 euros, está incluído no programa de Plan de Sostibilidade Turística do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo financiado con fondos europeos NextGenerationEU co que promover intervencións integrais para crear destinos turísticos sostibles e resilientes fronte aos efectos do cambio climático. Na visita realizada esta mañá ao areal de Cesantes participaron tamén Ilona Shekyants, Subdirectora adxunta de sostibilidade Turística do Ministerio de Industria e Turismo, e por parte da Axencia de Turismo de Galicia Iván Meléndez, director de Competitividade e Marta Trebolle. Xunto coa alcaldesa de Redondela estiveron os concelleiros, Rita Pérez Táboas, responsable de Turismo, Pilar Martínez, de Medio Ambiente, e Roberto Villar, responsable de Infraestruturas e Sostibilidade. Tamén asistiron os alcaldes dos Concellos de Pazos e Mos, Luciano Otero e Nidia Arévalo, que forman parte do GDR14.

– A programación dos Roteiros Ambientais inclúe rutas nocturnas, que tiveron moito éxito entre o público nos meses de xullo e agosto. En agosto as visitas nocturnas serán aos ríos Pexegueiro, Fondón e Maceiras. Entre as novidades destaca unha actividade de Orientaventura en bicicleta no Chan das Pipas, en Saxamonde.

O Concello de Redondela ofrece no mes de setembro un total de nove actividades de ecoturismo e educación ambiental. Logo do éxito da programación de xullo e agosto, as concellerías de Turismo, Sostibilidade e Medio Ambiente continúan coas actividades que se realizan sempre con guía e contan cunha ampla proposta de roteiros e actividades a pé, en bicicleta ou en caiac. A programación de setembro inclúe de novo rutas guiadas nocturnas que tiveron moi boa acollida entre o público nos meses de xullo e agosto. Nesta ocasión as visitas nocturnas serán aos ríos Pexegueiro, Fondón e Maceiras. Entre as novidades deste mes destaca unha actividade de Orientaventura en bicicleta no Chan das Pipas, o día 21 de setembro. A concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez, destacou a «transversalidade» destas actividades “que apostan polo turismo ambiental, sostible e responsable con saídas para coñecer o espectacular patrimonio natural de Redondela”. O concelleiro de Sostibilidade, Roberto Villar, sinalou que o obxectivo destas actividades é “poñer en valor os recursos naturais de Redondela e tamén concienciar á veciñanza e ás persoas que nos visitan da importancia de respectar estes espazos naturais e axudar a conservalos”. As actividades contan coa colaboración do Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy.

Para participar nestas actividades é preciso facer a inscrición previa na oficina de turismo, no teléfono 986 40 17 13 ou no enderezo electrónico turismo@redondela.gal. A programación completa é a seguinte:

Martes día 3 de setembro: Caiac ambiental pola Enseada de San Simón. 20€/persoa.

Venres día 6: Ruta nocturna polo río Pexegueiro. Natureza, muíños e lendas. De balde.

Sábado día 7: Ruta ambiental Punta de Cesantes – Soutoxuste. De balde.

Venres día 13: Ruta nocturna polo río Fondón. Natureza, muíños e lendas. De balde.

Sábado día 14: Caiac ambiental pola Portela. 20€/persoa.

Sábado día 14: Ruta nocturna polo río Maceiras. Actividade ambiental. De balde.

Venres día 20: Ruta polo río Pexegueiro. Natureza, muíños e lendas. De balde.

Sábado día 21: Orientaventura en bicicleta no Chan das Pipas (Saxamonde). Con bici propia 5€/persoa. Con bici do Concello 8€/persoa.

Domingo día 29: Ruta en bicicleta e observación de aves na Portela. Con bici propia 5€/persoa. Con bici do concello 8€/persoa.

– A programación de agosto inclúe unha ducia de saídas de ecoturismo, con paseos diúrnos e nocturnos por espazos de gran valor natural, cultural e paisaxístico como os ríos Fondón e Pexegueiro, a enseada de San Simón ou O Viso.

Os concelleiros de Turismo, Rita Pérez Táboas, e Sostibilidade, Roberto Villar, animan tanto á veciñanza de Redondela como aos visitantes a participar nestas actividades organizadas para público de todas as idades. Todas son de balde, agás as saídas en kaiak e a actividade “starlight”.

Logo do éxito das actividades de ecoturismo celebradas ao longo do mes de xullo, as concellerías de Turismo, Sostibilidade e Medio Ambiente poñen en marcha o programa de saídas para o mes de agosto. Serán en total doce actividades nas que se combina turismo, cultura e ecoloxía. Como novidade, no mes de agosto realizaranse saídas nocturnas polo río Pexegueiro e tamén observacións dende o Miradoiro de Outeiro Grande. As rutas polo río Fondón, o litoral de Cesantes, saídas en kaiak pola enseada ou citas para a observación de estrelas completan a programación.

A primeira saída será este sábado, 3 de agosto, cunha ruta nocturna polo río Fondón. Os participantes partirán ás 21.30 horas do campo de fútbol de Trasmañó para facer un percorrido pola beira do río. Esta actividade, cultural e medioambiental, é de balde, e pode participar público de todas as idades. Un guía especializado explicará a riqueza medioambiental da zona e o seu patrimonio cultural e etnográfico. Visitarán os muíños ao longo do río e os petróglifos de Monte Penide, e poderán escoitar as lendas e costumes tradicionais relacionadas con este fermoso enclave cunhas espectaculares vistas panorámicas sobre a ría. Esta mesma actividade repetirase o venres 30 de agosto.

O venres, 9 de agosto, haberá unha ruta nocturna para coñecer “Os tesouros do río Pexegueiro”, unha das novidades do programa de ecoturismo deste verán. Os muíños, regatos e lendas serán os protagonistas desta actividade, que se realiza en colaboración co Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy. A saída será ás 21.30 horas desde a rúa A Pantalla. Esta mesma actividade repetirase o venres 23 de agosto.

A praia da Punta e a riqueza litoral de Cesantes será outro dos destinos dos roteiros ambientais, cun paseo diúrno o 11 de agosto e outro nocturno o día 17.

O 15 de agosto a cita será en Chapela cunha ruta ambiental polo río Fondón, de 10.00 a 13.00 horas, con saída desde o CEIP Igrexa.

Os xogos de orientación e aventuras chegarán o 16 de agosto con “Orientaventura en Cesantes”, unha actividade dirixida á rapazada de entre 7 e 16 anos.

O Miradoiro de Outeiro Grande, no Viso, será o protagonista doutra das actividades deste mes de agosto. Neste enclave, cunhas vistas panorámicas privilexiadas sobre a enseada de San Simón, realizarase unha observación nocturna xeográfica e natural da ría de Vigo desde. Será o 18 de agosto ás 21.00 horas.

En agosto haberá dúas saídas en kaiak, a primeira o 6 de agosto pola enseada para coñecer os fondos mariños e a contorna da illa de San Simón. A segunda será o mércores 28 de agosto cun percorrido polos segredos da Portela e zona da Regasenda.

A programación rematará o sábado 31 de agosto cunha actividade de observación do ceo nocturno para toda a familia. Será no campo de fútbol da Gándara, no Viso, de 21.30 a 23.00 horas.

A concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez Táboas, destaca a «transversalidade» destas actividades “que apostan polo turismo ambiental, sostible e responsable con saídas para coñecer o espectacular patrimonio natural e cultural de Redondela”. O concelleiro de Sostibilidade, Roberto Villar, sinalou que o obxectivo destas actividades é “poñer en valor os recursos naturais de Redondela e tamén concienciar á veciñanza e ás persoas que nos visitan da importancia de respectar estes espazos naturais e axudar a conservalos”.

Todas as actividades son de balde, agás as saídas en kaiak, que teñen un prezo bonificado de 20 euros, e a observación do ceo nocturno, cun prezo de 3 euros.

Para participar nestas actividades é preciso facer a inscrición previa na oficina de turismo, no teléfono 986 40 17 13 ou no enderezo electrónico turismo@redondela.gal.

There is no Event

Medio Ambiente

Non se atoparon descargas!

    Analíticas

    Non se atoparon descargas!

      Axenda 21 - Redondela

      A Axenda 21 é un plan de acción das Nacións Unidas para un desenvolvemento sustentable no século XXI, aprobado por 173 gobernos na Conferencia sobre Medio Ambiente e Desenvolvemento que tivo lugar en Río de Janeiro en 1992.

      A Axenda Local 21 é un proceso a implantar e desenvolver polas Entidades Locais que se basea na integración das políticas ambientais, económicas e sociais do concello a través da elaboración e aplicación dun Plan de Acción Local.

      Sumarse a esta iniciativa supón, xa que logo, o compromiso municipal de estimular o desenvolvemento de medidas encamiñadas a facer compatibles a conservación do medio co desenvolvemento social e económico do propio concello. Supón ademais facelo dun xeito estruturado e planificado o que implica unha actuación transversal coa participación da totalidade das áreas da Administración local.

      A Axenda 21 Local é un proceso aberto e creativo que cada concello define baseándose na súa realidade e nos seus condicionantes.

      ACCESO LIÑA VERDE

      De interese...

      DUBIDAS SOBRE A RECICLAXE?

      INFORMACIÓN SOBRE PUNTOS LIMPOS

      MAPA DAS FONTES E LAVADOIROS DO CONCELLO DE REDONDELA

      CALENDARIO PUNTO LIMPO PARROQUIAS

      Compartir