Concello de Redondela

As Aulas de Teatro Municipal estrean “As de dentro/fóra” e “Macbeth, outra de Xekspir”

-A estrea será o domingo 15 de xuño, ás 12.00 coa obra do grupo xuvenil “Macbeth, outra de Xekspir” e ás 19.30 coa peza do grupo de adultos “As de dentro/fóra”.
-A concelleira de Cultura, Rita Pérez, e o mestre da Aula de Teatro Municipal, Roberto Casal, animan á veciñanza a asistir a estas estreas e a participar nas actividades de teatro en próximos cursos.

A Aula de Teatro Municipal pon en escena as obras nas que estiveron traballando ao longo do curso. Será o domingo, 15 de xuño, no auditorio da Xunqueira. O grupo xuvenil, con rapazada de entre 13 e 17 anos, representará “Macbeth, outra de Xekspir”, unha obra orixinal na que volven sobre o afamado dramaturgo e as súas traxedias dunha forma particular, irónica e grotesca. O seu mestre, Roberto Casal, explica que na obra o poder e a ambición son os temas tratados polos adolescentes para propoñer un desafío ao público: Ata cando imos tolerar os excesos dos autoproclamados líderes do reino?. A obra do grupo xuvenil poderá verse ás 12.00 horas.

No caso do grupo de adultos, con 14 compoñentes entre os 30 e 65 anos, a obra que representarán titúlase “As de dentro/fóra”. A obra amosa “como encaixamos cada un de nós ser vítima e responsable ao mesmo tempo do efecto da turistificación”. A obra, en código parodia ás veces absurda e ás veces poética, “recolle elementos da nosa realidade máis achegada para falarnos de como a individualidade atravesa todos os conflitos sociais e nos brinda a posibilidade de reflexionar de forma comunitaria sobre estas cuestións”. A obra “As de dentro/fóra” poderá verse ás 19.30 horas.

Desde a concellería de Cultura, a edil Rita Pérez, anima á veciñanza á achegarse ao auditorio para gozar destas pezas teatrais. A concelleira convida tamén á rapazada, adolescentes e adultos a participar nas aulas de teatro, especialmente aos mozos e homes adultos “xa que o alumnado destas aulas é maioritariamente feminino”. Para Casal a escasa presenza masculina débese “a que aos homes cústalles máis traballar o seu lado emocional, porque non estamos educados para expoñer os nosos sentimentos”. O mestre confía en que “pouco a pouco” este rol vaia cambiando e anima aos mozos a apostar pola aulas de teatro “unha actividade diferente que lles pode ofrecer moitos beneficios”.

Compartir