Concello de Redondela

En marcha as obras da segunda fase da Senda Verde de Chapela

– A segunda parte da senda arranca nas inmediacións do novo Skatepark e continúa en dirección a Redondela cunha nova superficie de 2.300 metros cadrados para uso público. Contará cunha praza que comunicará os dous tramos do camiño Real Angorén, que na actualidade están separados pola vía.
– A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que deste xeito “o goberno local cumpre co compromiso de dar continuidade á Senda Verde de Chapela, inaugurada no anterior mandato, e que é moi transitada pola veciñanza. Trátase dun paso máis no noso empeño por dar prioridade aos peóns e crear espazos saudables”.

Esta semana comezaron as obras para a construción da segunda fase da Senda Verde de Chapela. Deste xeito o Concello dá continuidade a esta vía peonil que transforma a antiga liña do ferrocarril, agora en desuso, nun novo espazo público de lecer. Este segundo tramo comeza nas inmediacións do novo Skatepark e continúa en dirección a Redondela. A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Urbanismo, Antoio Cabaleiro, visitaron a zona para comprobar o esatado dos traballos. O proxecto vai transformar esta céntrica zona da parroquia de Chapela cunha nova superficie de 2.300 metros cadrados para uso público. Rivas sinala que deste xeito “o goberno local cumpre co compromiso de dar continuidade á Senda Verde de Chapela, inaugurada no anterior mandato, e que é moi transitada pola veciñanza”. O novo tramo, ao igual que a senda que une o antigo apeadoiro con Vigo, será un espazo pensado para o uso e disfrute da cidadanía. Na zona crearase “un espazo dinámico para fomentar a vida saudable no que a veciñanza poida gozar dun paseo por un medio natural lonxe do tráfico, e tamén mellorará a conexión coas rúas da contorna”. A segunda fase contará cunha praza que comunicará os dous tramos do camiño Real Angorén, que na actualidade están separados pola vía do ferrocarril. Crearase así un lugar de esparexemento, deporte e vida saudable, tanto para usos lúdicos como deportivos. “Trátase dun paso máis no empeño deste goberno por dar prioridade aos peóns e crear espazos saudables”, sinala Rivas.

O deseño é similar ao da primeira fase da senda, e nos puntos nos que o percorrido ten acceso dende as rúas adxacentes crearanse pequenas prazas con bancos que servirán como zonas de descanso e de encontro para a veciñanza. Ao final do trazado colocarase unha pérgola que ofrecerá sombra nos días de sol. Os traballos foron adxudicados á empresa local Construcciones Castro por un importe de 277.500 euros, e o prazo de execución é de seis meses. O financiamento corre a cargo do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra.

Novos espazos públicos en Chapela

Este novo proxecto, que será unha realidade este outono, súmase a outras melloras que vén experimentado a parroquia de Chapela nos últimos anos. A primeira fase da Senda Verde, que conecta o antigo apeadoiro de Chapela con Vigo, inaugurouse a finais de 2021 cun investimento de 778.000 euros. Anexo a esta senda construíse o Skatpark. Esta pista de deportes urbanos, valorada como unha das mellores da área metropolitana, supuxo un investimento de 357.894 euros. Tamén se remodelou o espazo coñecido como “o Campito” e a alameda Rosalía de Castro, cun investimento entre ámbalas obras de 600.000 euros. “En total, os investimentos nesta zona da parroquia superan os 2 millóns de euros nos últimos catro anos, con proxectos que serviron para mellorar espazos públicos e crear outros novos cos a cidadanía gaña en calidade de vida”, conclúe Rivas.

Compartir